DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Compareceu este venres perante a Comisión da Reforma da Constitución

O catedrático Xosé Henrique Costas defende na Assembléia da República Portuguesa unha proposta para a salvagarda do mirandés

Tras a publicación pola UVigo dun libro no que se advirte da situación crítica desta lingua

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Divulgación
  • Cultura
D. Besadío DUVI 14/07/2023

O catedrático Xosé Henrique Costas, director do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, compareceu este venres na Assembléia da República Portuguesa perante a Comisión da Reforma da Constitución como experto en linguas minoritarias. Acudiu convidado polo presidente da comisión, o deputado José Silvano, quen lle encomendou a tarefa de elaborar unha proposta para a salvagarda do mirandés, un convite que lle chegou tras a publicación do libro Persente i feturo de la lhéngua mirandesa: studo de ls usos, atitudes i cumpeténcias lhenguísticas de la populaçom mirandesa, coordinado por Costas e publicado hai apenas dous meses en mirandés pola Universidade de Vigo.

Neste estudo concluíase que a situación deste idioma, “que leva falándose no leste de Bragança desde antes da existencia de Portugal” e cunha cifra actual de falantes de arredor de 4000 persoas, é crítica, ata o extremo de correr o risco de desaparecer antes de 30 anos. “Os deputados tomaron nota e queren escoitar a nosa opinión para ver como poden lexislar en favor da lingua mirandesa”, explica o experto vigués.

Múltiples medidas para deter a “hemorraxia” 

Dende a publicación deste libro, o estudo foi citado varias veces por distintos parlamentarios no debate da cámara como argumento para unha intervención inmediata do Goberno portugués en favor do mirandés e deu lugar a numerosas noticias e debates en prensa, radio e televisión. Finalmente, na súa intervención ante a asemblea, o catedrático vigués defendeu unha proposta cuxos puntos centrais para tratar de reverter a perigosa deriva do mirandés están baseados nas propias conclusións do libro, e que  pasan, fundamentalmente, porque Portugal ratifique a Carta Europea das Linguas Rexionais do Consello de Europa e aplique o seu articulado. 

Así, segundo explicou Costas ante os deputados e deputadas, Portugal debe elaborar unha Lei de Protección da Lingua Mirandesa que conteña medidas efectivas en todos os niveis de ensino, na administración, na xustiza, na sanidade, no eido asistencial, nos medios de comunicación, no comercio, na hostalería, nas asociacións etc; debe facer por lei que o coñecemento do mirandés sexa requisito ou mérito para traballar en Terra de Miranda; ten que introducir materias de mirandés nos campus de Bragança e Vila-Real (UTAD), ademais das principais universidades portuguesas etc.; ten que sacar prazas específicas de profesorado de mirandés, técnicos lingüísticos, tradutores, intérpretes etc.; ten que crear e dotar economicamente un Instituto da Lingua Mirandesa para aprendizaxe e reciclaxe de profesorado e funcionariado en lingua mirandesa, deseño de accións e campañas de normalización, investigación, didáctica, lexicografía etc. “En fin, as medidas normais cando se quere deter unha hemorraxia de falantes”, salienta Costas.

“Se os gobernos queren, as linguas non esmorecen” 

Á pregunta de si se chega a tempo para salvagardar este idioma, Costas responde comparando esta situación coa que viviu o lince ibérico, un animal que se extinguir  en Portugal e que hai 30 anos estaba a piques de se extinguir en España, con menos de 100 individuos só en dúas zonas do mediodía español. Nese caso, os dous estados ibéricos avinzaron a recuperación do lince: acondicionaron hábitats, onde ceibaron animais para se alimentaren os linces, reproduciron en catividade, perseguiron o furtivismo etc., e para acometeren todo isto investiron 70 millóns de euros, que non é moito, son 2’5 millóns por ano. “Despois de 30 anos hoxe hai xa seis zonas de lince ibérico na península, dúas delas en Portugal, cun total de 1.300 exemplares. Que ten que facer un falante de mirandés para que o traten dunha maneira semellante ao lince? Porque ao final é unha cuestión de ecolingüística. Queremos manter a biodiversidade ou non?”, explica o experto.

Non sabe si se chega a tempo, todo depende de Portugal, “pero o terrible sería non intentalo”.  Nesta liña subliña que hai zonas do sur de Euskalherria onde o vasco desapareceu hai centos de anos. “Hoxe en día, despois de 40 anos de euskaldunización intensa, a maioría da mocidade xa fala vasco (ademais de español e outras linguas). E despois de centos de anos, xa nacen nesas zonas meniños que teñen o vasco como lingua de berce. Se os gobernos queren, as linguas non esmorecen”, pero, para logralo, hai que crear as condicións e facer os investimentos.

“No caso do mirandés a diagnose está feita, a terapia que se debería aplicar está clara, pero se de verdade Portugal quere curar o mirandés ten que actuar canto antes, con decisión, planificación e financiamento”, recalca Costas.

Recoñecemento internacional a un traballo de anos

O convite da Comisión da Reforma da Constitución de participar neste proceso como experto supón para Costas un “recoñecemento internacional inesperado” a un traballo de anos feito “con rigor e con paixón, pois a investigación sen paixón pouco vale”, apunta Costas, ao que engade que isto é o que lle entusiasma, “a lingüística práctica implicada socialmente”.

No plano persoal, a chamada foi para el unha sorpresa moi agradable. “Que me conviden a intervir perante a Comissão da Reforma da Constituição portuguesa faime feliz e asemade abrúmame porque é unha responsabilidade moi grande: defender no Parlamento a dignidade da lingua mirandesa”, salienta o investigador, quen admite que traballa con linguas minorizadas “por pracer, por solidariedade, por curiosidade, para mellorar a vida e a dignidade das persoas que falan linguas historicamente desprezadas, porque todas teñen a mesma dignidade e as mesmas potencialidades”.