DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cun concerto exclusivo inauguraron a programación cultural do segundo cuadrimestre

CatPeople e Second puxeron música e voz á primavera

A banda viguesa e a murciana enfróntanse este venres nun partido de fútbol no Berbés

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 09/03/2012

Irmandados sobre o escenario e enfrontados no terreo de xogo, como o farían os seareiros dos seus equipos de fútbol, o RC Celta e o Real Murcia. Esta compenetración e bo facer para encher unha tarde de música é o que demostraron o grupo vigués CatPeople e o murciano Second no concerto que este xoves abriu a programación cultural do segundo cuadrimestre organizada pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria. Ambas bandas compartiron público no Teatro Vidal Bolaño do campus nun concerto exclusivo, xa que só se poderá volver ver a estes músicos xuntos outra vez o vindeiro 24 de marzo en Murcia. Mentres tanto, este venres veranse as caras nun enfrontamento, desta volta, futbolístico, nas instalacións municipais do Berbés.

Pero o seu obxectivo principal, o estritamente artístico, encheu o Vidal Bolaño na tarde deste xoves nun concerto co que ambos grupos gozaron e fixeron gozar ao público asistente con sons indies que recollen influenzas que van dende a música británica dos oitenta, o post-punk e as melodías máis elaboradas. Os primeiros en subir ao escenario universitario foron CatPeople, banda nacida en 2005 a cabalo entre Vigo e Barcelona da man do cantante Adirán Pérez e do guitarrista Javier Abalo. Tras dous álbums e despois de telonear a grupos do renome de Pet Shop Boys ou Brian Berry, publicaron en 2011 Love Battle, disco que supón unha evolución e un gran paso adiante na súa concepción musical.

Os murcianos Second comezaron a súa andaina en 1997 e publicaran o seu primeiro disco en 2000, cualificado pola crítica moi positivamente e do que destacaron as súas potentes influenzas da década dos oitenta. Tras este álbum viñeron tres máis, o último deles en 2011, titulado Demasiado Soñadores, supón unha volta ás raíces, ao seu son orixinal.

A música volve ao campus o vindeiro 22 de marzo coa edición de primavera do festival Sonora12 que, en épocas de crise e recortes, opta por apostar forte polos grupos locais. Para este concerto están confirmados xa Trampoline e La Familia, aínda que dende a Vicerreitoría non descartan novas incorporacións sorpresa.