DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa mostra ‘Visoespacial’, na que reflexionan sobre o poder da mente e do subconsciente

Catro alumnas de Belas Artes abren a porta do seu futuro

Empregan este elemento como soporte adaptándose o máximo posible ao espazo expositivo escollido

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 23/01/2012

Unhas portas péchanse e outras ábrense, como para catro alumnas da Facultade de Belas Artes ás que este elemento serviu de inspiración para atopar a súa primeira experiencia profesional. Unha selección de obras de Alicia Martínez, Iria Méndez, Manuela Rodríguez e Lidia Alonso protagoniza a exposición Visoespacial, unha mostra “orixinal” na que experimentan cun soporte diferente, a porta, para reflexionar sobre a mente e a memoria no ser humano. En este caso, adaptaron a súa proposta creativa ao espazo expositivo, a tenda Lapuerta.com, “integrando as nosas obras coas portas en venda do local”. O resultado, unha mostra “moi selectiva” na que se combina a pintura e a escultura “co fin de ofrecer unha proposta diferente que nos achegue experiencia e que permita darnos a coñecer”, engaden as artistas.

Igual que outras compañeiras de pupitre que organizaron a exposición Ironías do Aparente, Visoespacial tamén nace dun exercicio da materia Xestión, ámbito artístico e profesional, impartida polo profesor Xosé Manuel Buxán, na que se fomenta o contacto real entre o alumnado e o mundo laboral. De este xeito, Alicia Martínez, Iria Méndez, Manuela Rodríguez e Lidia Alonso decidiron enfrontar xuntas esta iniciativa “imprescindible e importante para a nosa formación xa que, de non ser por este traballo, moitos alumnos remataríamos a titulación sen ter realizada ningunha exposición que engadir ao noso currículo”, salienta Iria Méndez.

A dificultade de atopar un espazo expositivo

Aínda que fan un balance moi positivo da experiencia de organizar dende cero e de forma independente unha exposición, as catro alumnas sinalan as grandes dificultades que os artistas emerxentes atopan á hora de buscar un espazo no que amosar os seus primeiros traballos. “Resulta moi duro recibir negativas de cada sitio ao que se vai preguntar. Non é nada fácil que os artistas que aínda están empezando ou que non son coñecidos atopen un sitio”, reflexiona Méndez. Non obstante, son conscientes da necesidade de pasar por esta fase “comprobando canto antes o difícil que resulta entrar no mundo da arte” e de ter iniciativa para liderar proxectos e enfrontar o mundo profesional “dende xa”, recoñecen.

Para estas catro artistas emerxentes, Visoespacial ocupará un lugar preferente no seu currículo ao converterse na primeira mostra na que organizaron todo o proceso expositivo “dende a selección do espazo e o deseño e impresión das publicacións ata a colocación e selección de obras”.

O que a porta esconde

As catro alumnas botan man da porta como soporte para reflexionar sobre os procesos da mente, “o que agocha a memoria, a imaxinación, o subconsciente, as fobias…”. Mentres que Alicia Martínez inspírase nas súas propias lembranzas persoais e as sensacións que lle produciron ao longo do tempo, Iria Méndez céntrase en representar o medo de ser observados empregando como símbolo a fechadura. Pola súa banda, Lidia Alonso fai alusión ao proceso de codificación da mente mediante a mestura de cores e Manuela Rodríguez rende homenaxe á imaxinación e ao subconsciente a través da técnica do collage, coa que combina pintura e debuxo.

Visoespacial estará aberta ata o vindeiro 26 de xaneiro en Lapuerta.com, na rúa Echegaray, 45. Poderase visitar de balde de luns a venres en horario de mañá e tarde de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.30 horas.