DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inauguración da exposición ‘Do final e do comezo’, que mostra os traballos finais do Grao en Belas A

Catro anos de reflexións transformados en arte

Destaca a actitude de ensaio das creacións, concibidas para dar “solucións creativas” aos problemas

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 14/06/2012

A culminación dunha etapa. Esa é a esencia da exposición dos proxectos finais dos novos graduados en Belas Artes, que se inaugurou este xoves no Pazo da Cultura da cidade da man da vicerreitora, Antonia Blanco, do decano da facultade, Juan Carlos Meana, do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e da concelleira de Cultura, Anxos Riveiro. Baixo o título Do final e do comezo, a mostra pretende facer “balance do realizado ao longo dos anos de formación”, sinalou o decano e tamén comisario da exposición, que definiu o final de curso como “meses de luz, de facer visibles resultados e obxectivos que se marcaron tempo atrás”.

Do final e do comezo acolle unha selección de proxectos de 40 estudantes de último curso que abordan dende diferentes puntos de vista as problemáticas da arte máis actual “nunha sociedade en permanente cambio para a que hai que dar respostas cada vez máis globais a problemas puntuais”, apuntou Meana que aproveitou para destacar a actitude de ensaio das obras, elemento cohesionador dunha exposición que atende a diferentes técnicas, dende a pintura ata a escultura, pasando pola escultura, debuxo, instalación, fotografía, animación, vídeo instalación ou deseño gráfico. “Toman especial protagonismo metodoloxías de traballo que xorden froito das inquedanzas e incógnitas do alumnado o que lle permite desenvolver unha actitude creativa fronte a outras que se repiten e son réplicas de modelos xa coñecidos”, reflexionou o decano para salientar o carácter experimental da mostra.

Como destacou o decano na inauguración, esta mostra serve de exemplo da concepción de formación da Facultade de Belas Artes, “concibíndoa non só como un paso polo académico, senón como un proceso no que construír puntos de vista e detectar problemas que a sociedade formula, para dar resposta aos mesmos con solucións creativas”.

Proxección pública

Ademais de que os novos titulados e tituladas teñan un primeiro contacto co mundo profesional da arte vivindo en primeiro termo as condicións de expor nun espazo "de nivel", esta exposición tamén dá a coñecer boa parte da actividade que se desenvolve dentro da facultade “cunha visión panorámica e de calidade dos resultados”, sinalou Meana, o que permite achegarse á contorna e crear nexos de unión coa vertente cultural da cidade. “A actualidade das propostas é un aliciente para quen teña a inquietude e a curiosidade de saber que ocorre dentro da nosa facultade, onde os proceso formativos culminan nunha serie de proxectos creativos e dispares do alumnado”, engadiu. Por outra banda, o decano tamén quixo recoñecer o traballo e dedicación do profesorado do centro pois “esta exposición é resultado dun complexo proceso, dun traballo en equipo froito do debate e de diferentes perspectivas”.

Ademais desta exposición dos traballos finais de grao, a Facultade de Belas Artes ten nestes momentos abertas á cidadanía dúas mostras máis, “froito do noso empeño por dar a coñecer aquilo no que traballos”, apunta Meana, unha en Vigo, na Casa da Cultura Galega, Afinidades Selectivas 5, na que docentes e ex-alumnado amosan o diálogo dos seus proxectos, e Eso sigue su curso, inaugurada o pasado venres no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, que mostra os traballos finais dos 20 estudantes do Máster en Arte Contemporánea.

Do final e do comezo poderase visitar na sala de exposicións do Pazo da Cultura ata o 2 de setembro en horario de mañá ou de tarde, a excepción dos sábados que abre de 11.00 horas a 14.00 horas e de 17.00 horas a 21.00 horas.