DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Fomentar o espírito emprendedor, reto das 'II Xornadas sobre Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxé

Catro días para conectar talento e creatividade co mundo empresarial

A empresa OCV premiará a mellor idea sobre materiais, produtos ou organización en captadores solares

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Noemí Rey DUVI 24/10/2011

Rachar fronteiras e achegar o potencial da Universidade de Vigo ao tecido empresarial galego. Esa é a idea coa que arrincaron hoxe as II Xornadas sobre Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética, nas que se pretende que, por un lado, o estudantado “adquira coñecemento práctico de cara ao seu futuro laboral, se manteña en contacto coas empresas e perda o medo” e, por outro, favorecer que as entidades teñan un coñecemento do capital humano do que disporán no futuro. Sen embargo, nesta segunda edición un dos principais retos será fomentar “unha das saídas laborais que non te inculcan tanto: a de empregar todo o aprendido aquí para montar o teu propio negocio”, asegurou Manuel Silveira, presidente da asociación xuvenil Engranaxe, organizadora do evento. Por iso nesta ocasión non haberá participación docente nos relatorios e o peche das xornadas o vindeiro xoves 27 será unha mesa redonda protagonizada por dous emprendedores e representantes da Dirección de Emprego da Universidade e de BIC Galicia.

Pensando en verde

Unha clara vocación de fomentar o espírito emprendedor que tamén quere asumir a Universidade de Vigo como materia pendente, sobre todo nun eido clave como son as enerxías renovables. “As enxeñarías non están exentas de aplicar a responsabilidade social e empresarial. É absolutamente imprescindible pasar da cultura do desperdicio de enerxía á cultura da eficiencia por riba de todo e estas xornadas contribuirán ao seu fomento”, recordou José Antonio Vilán, vicerreitor de Transferencia do Coñecemento. Unha liña de traballo da que a subdirectora de Organización Docente da Escola de Enxeñería Industrial se sinte “orgullosa” e que amosa que os futuros enxeñeiros “non están de costas ao mundo, senón que saben que viven nun contexto de crise con profundos cambios e cunha problemática enerxética coa que non só nos xogamos o futuro profesional, senón tamén o do planeta. Esta iniciativa vai ser beneficiosa para a Escola, para vos e para toda a contorna industrial galega”.

Premio á mellor idea

Un dos maiores obstáculos aos que se enfrontan as enerxías renovables en Galicia é o descoñecemento xeral que o usuario final ten sobre elas e a universidade e os seus estudantado é unha das mellores plataformas de divulgación. Por iso a empresa OCV, situada en Cambados e 100% galega, vai botar as redes na Universidade de Vigo “para conseguir ideas e contribuír ao desenvolvemento do futuro dos captadores solares térmicos”. Aberto a calquera enxeñaría, poderán presentarse proxectos que traballen o desenvolvemento de materiais, o deseño do produto e, sobre todo, a organización de procesos. O premio variará, xa que dependendo de se o gañador é unha persoa soa ou un equipo poderá darse unha beca en metálico, un contrato como bolseiro para desenvolver o produto ou unha participación na mellora que signifique a idea aportada. “Cremos que a divulgación é fundamental, tecnicamente o desenvolvemento dos produtos é eficiente, así que agora só queda salvar o último escollo para chegar ao cliente de xeito masivo: o prezo”, subliña Joaquín Piña, director comercial de OCV.

Con case 150 estudantes de todas as ramas da enxeñaría e doutras titulacións, a asociación xuvenil Engranaxe ve que participar neste tipo de iniciativas serve para gañar experiencia, como marca diferenciadora “e, como dícía Steve Jobs, para conectar puntos porque nunca sabemos que actividade do pasado pode servirnos no futuro” profesional. O director xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta, Ovidio Rodeiro, recalca ademais que é “unha mostra extraordinaria de xente con iniciativa. Para nada cremos na xeración nin-nin, estamos totalmente en contra dese termo”.