DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estudantes do Máster en Consultoría de Software Libre presentan os seus proxectos a empresarios e en

Catro ideas de negocio de software en busca de investidores

Son propostas para o control de bateas e portais de xestión de reservas, receitas e restaurantes

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 15/07/2011
Findeat, Sincita.es, Smartn@ture e Nextaste son catro nomes de marca descoñecidos para o público. Pero esta circunstancia pode que algún día mude. Son os nomes escollidos para os seus proxectos de empresa polos alumnos do Máster en Consultoría de Software Libre da Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense. Este venres presentaron os plans de negocio que elaboraron como traballo final de mestrado a un grupo de empresas e institucións que poden ser posibles investidores ou colaboradores. Con gañas, desenvoltura e un pouco de nervios os estudantes enfrontáronse, a maioría por primeira vez, ao reto de vender en cinco minutos unha idea froito da súa formación. Deste xeito, a iniciativa cumpriu o seu obxectivo primordial de adestrar aos estudantes nunha situación habitual na vida profesional e espertar o seu espíritu emprendedor. Se ademais, algunha das ideas ou dos seus promotores consegue atraer o interese das empresas e institucións, segundo obxectivo cumprido.

Para comezar a sesión Mª Victoria Jato, vicerreitora de Investigación e Transferencia do Campus de Ourense, e Enrique Barreiro, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, deron a benvida a estudantes, empresarios e representantes institucionais presentes. Durante a súa intervención, a vicerreitora quixo salientar que “a transferencia do coñecemento do ámbito académico ao sector empresarial e o fomento do emprendemento son dúas funcións fundamentais da universidade” polo que felicitou aos participantes desta iniciativa polo traballo feito.

5 minutos para vender

“Hoxe trátase de facer unha presentación de empresa, non académica. Tedes cinco minutos para captar a atención dos posibles investidores e de describir a vosa idea de negocio”, advertíalles Enrique Barreiro aos alumnos ao inicio da sesión. De seguido, un portavoz de cada unha dos proxectos explicou aos asistentes a súa proposta empresarial. Entre o público escoitaban atentos compañeiros e sobre todo representantes das empresas e organismos convidados, entre as que estaban o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE); o Centro de Iniciativas Empresariais de Ourense; a Confederación Empresarial de Ourense; Bic Galicia; Openhost; Dosmasdos; Redegal; IdeIT; Quobis; a Asociación Galega de Empresas TIC (AGESTIC); a Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL); Iniciador Galicia; o Círculo de Xóvenes Empresarios de Ourense; a Federación Galega de Xóvenes Empresarios e SOGARPO.

Entre fogóns

Dúas das ideas expostas tiveron como temática protagonista a gastronomía. Toni Martínez explicou en nome do seu grupo o proxecto Findeat, unha guía social de restaurantes e locais que permite aos usuarios elixir con confianza un sitio no que comer ou tomar algo sen necesidade de coñecelo previamente. “En Findeat almacenaranse puntuacións, prezos, fotos, etc. pero o fundamental, e o que nos diferenza da competencia, é a capa social que terá, xa que serán as recomendacións e informacións dos amigos e usuarios as protagonistas”, salientaron os seus promotores.

No caso do proxecto Nextaste a idea é crear unha serie de ferramentas coas que calquera persoa que dispoña de acceso a Internet poida buscar suxestións á hora de elixir rapidamente que comida preparar. Os usuarios rexistrados poderán consultar receitas, comentalas, engadir outras receitas ou puntualas, entre outras posibilidades. “Grazas a isto o sistema saberá quen ten os mesmos gustos e suxerirá receitas a aqueles posibles usuarios que non as probaron aínda”, explicou Juan Montes en representación dos creadores da idea.

Entre bateas e reservas

Manuel Portela foi o encargado de presentar Smartn@ture.com, unha plataforma de optimización de explotacións primarias. Como exemplo da súa utilidade, os seus creadores explicaron que na actualidade os pescadores instalan cordas nas bateas onde depositan os cultivos e cada certo tempo comproban o estado das cordas para, en función diso, realizar a colleita ou esperar máis tempo. “Isto leva un gran traballo e risco para os mariñeiros, xa que teñen que traballar sobre a propia batea e moitas veces non nas mellores condicións. O noso sistema monitorizará cada unha destas cordas para poder realizar o seguimento dunha forma cómoda e eficiente desde un computador. Ademais tamén permitirá controlar a estado da auga en canto a temperatura e outros aspectos”, destacaron os seus promotores.

Por último, outro dos proxectos presentados foi Sincita.es, “un portal de xestión de citas e reservas no que mediante unha sinxela parametrización calquera tipo de negocio poderá ter o seu propio sistema de reservas en Internet”, segundo explicou Pablo Gómez, portavoz do equipo.