DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Poderanse enviar traballos ata o 15 de novembro para o stand que a facultade reservou na feira

CCSS e da Comunicación anima ao seu alumnado a mostrar o seu talento en Culturgal

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 07/11/2012

Co lema ‘saca o teu talento a relucir’, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación puxo en marcha unha campaña para animar ao seu alumnado a mostrar os seus traballos e proxectos na próxima edición de Culturgal, na que o centro volveu a reservar un espazo expositor como no pasado ano. “Trátase de dar visibilidade ás propostas creativas que se desenvolven de portas para dentro”, explica o profesor Xosé Baamonde, coordinador do gabinete de comunicación e relacións públicas da facultade, o que “verdadeiramente” está ocupándose deste labor de difusión. Así, o estudantado poderá enviar os seus traballos ata o 15 de novembro á dirección de correo fcscculturgal@gmail.com concretando nome e apelidos, titulación e curso.

Dado o seu cariz profesional, a feira convértese nun “escaparate” importante para que o talento do centro pontevedrés se dea a coñecer durante tres días “nun ambiente no que se van a mover os principais representantes das industrias culturais galegas, potenciais empregadores dos nosos alumnos e alumnas”, subliña o profesor Baamonde que “non se cansa” de alentar aos seus estudantes para que aproveiten esta oportunidade que lles brinda a facultade para promocionarse profesionalmente máis aló das paredes das aulas.

As pezas, que se poderán mandar en formato dixital ata o 15 de novembro, poderán ser audiovisuais, gráficas e fotográficas, preferentemente a tamaño DIN A3 “para que se visualicen mellor unha vez colocados no stand”, matiza o profesor Baamonde que agradece a colaboración e a dedicación nesta campaña de difusión ao alumnado de terceiro e cuarto curso do Grao en Publicidade que conforma o gabinete de comunicación e relacións públicas do centro, así como a Gabriela Días, “que se ocupou do deseño dos carteis”.