DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celso Cancela exerce coma decano en funcións desde que Juan Manuel Corbacho foi nomeado vicerreitor

CCSS e da Comunicación celebrará eleccións a Decanato o 10 de xullo

O prazo de presentación de candidaturas ábrese o 27 de xuño

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 16/06/2014

Despois de completar os preparativos para o vindeiro curso académico, o equipo decanal en funcións que encabeza o profesor Celso Cancela vén de abrir o proceso electoral para decidir quen será a persoa responsable de dirixir a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación durante os próximos tres anos. Unha vez se constitúa este mércores a Xunta Electoral, procederase á exposición dos censos do PDI, PAS e alumnado chamado a elixir o vindeiro xoves 10 de xullo ao novo decano ou decana do centro de entre aquelas persoas que presenten a súa candidatura no prazo que permanecerá aberto do 27 de xuño ao 1 de xullo.

Tralo nomeamento no mes de maio do anterior decano do centro, Juan Manuel Corbacho, como vicerreitor do campus de Pontevedra, o reitor, Salustiano Mato, designou a Cancela, ata entón vicedecano de Asuntos Económicos e Infraestruturas, como novo decano en funcións do centro, coa encomenda de convocar eleccións antes do 31 de outubro de 2014. Neste senso, este profesor da Área de Ciencia Política e da Administración apunta que “desde o equipo decanal acordamos que procederiamos a convocar eleccións unha vez concluída a actividade académica e despois de ultimar os preparativos o curso 2014-2015”. O seu obxectivo, segundo relata, era, por unha banda, “non interferir na actividade académica” e, por outra, “que o novo equipo poida entrar a traballar xa ao inicio do vindeiro curso”. Por ese motivo, unha vez aprobadas as guías docentes, o calendario de exames e os horarios do próximo ano académico, Cancela vén de asinar a resolución pola que se abre este proceso electoral.

Un procedemento que se inicia co sorteo da Xunta Electoral

Este proceso electoral abriuse hoxe luns co sorteo dos integrantes da Xunta Electoral, que presidirá o propio Cancela e da que formarán parte Carmen Padín, como representante do profesorado; Begoña López, por parte do persoal de administración e servizos, e Andrés Tierno en representación do alumnado.

Trala constitución formal desta Xunta Electoral este mércores, o xoves iniciarase a exposición pública dos censos de PDI, PAS e alumnado que participará na Xunta de Facultade da que sairá o nome do novo decano ou decana. Por último, a proclamación definitiva de candidatos e candidatas terá lugar o luns 7 de xullo, tres días antes de que se celebren as votacións.