DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Grazas á primeira edición dun congreso organizado polo Observatorio da Gobernanza-G3 e o IGADI

CCSS e da Comunicación converterase en xuño nun foro de debate sobre a internacionalización de Galicia

Os seus directores mantiveron nesta xornada un encontro co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 21/01/2016

Nun mundo marcado pola globalización, son múltiples os axentes, tanto no ámbito empresarial, como no cultural, institucional, educativo ou social, que teñen na internacionalización un dos eixos do seu plan de actuacións. Servir como foro de debate e diálogo entre todas aquelas persoas e colectivos con proxectos e intereses neste eido é o propósito principal do I Congreso de Estudos Internacionais de Galicia, que se desenvolverá os días 16 e 17 de xuño na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Promovido pola Área de Ciencia Política e da Administración-Observatorio da Gobernanza-G3 e polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) este simposio buscará tamén servir como berce dunha “plataforma de internacionalización, que nos permita identificar sinerxías entre os diferentes actores”, segundo destacou o director do IGADI, Xulio Ríos.

O director do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración, Álvaro Xosé López Mira, e o responsable do Igadi, directores deste congreso xunto co profesor Celso Cancela, mantiveron na mañá deste xoves un encontro co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, tralo que o rexedor expresou a vontade do Concello de prestar “toda a colaboración que sexa necesaria” a esta iniciativa na rolda de prensa que serviu para presentar este simposio. De aí que López Mira puxese o acento no “espírito colaborativo” que marca unha iniciativa que busca “transcender o labor illado e desconectado” dos múltiples actores que traballan en Galicia cunha perspectiva internacional para promover unha “posta en común desde todas as perspectivas, coa que poidamos ter unha visión de conxunto”, como engadiu Ríos.

“En Galicia, ao igual que en todas as partes do mundo, promóvense iniciativas de presenza internacional”, engadiu neste senso o director do IGADI, que neste 2016 celebra o seu 25 aniversario, e por ese motivo un dos obxectivos centrais deste congreso é “realizar unha pequena diagnose sobre a situación dos estudos internacionais en Galicia”. Mais, ao mesmo tempo, os seus impulsores pretenden tamén que este foro sirva como xerme para “intentar lograr unha plataforma estratéxica que nos permita nun futuro orientar o labor dos diferentes actores e tratar de facer converxer diferentes estratexias” e promover “o traballo en rede” das diferentes persoas que traballan en Galicia en cuestións de carácter internacional.

Catro eixos temáticos

A capacidade de Galicia para posicionarse no mundo con identidade pública, as relacións con Portugal e a lusofonía, a cooperación internacional, a internacionalización empresarial, o papel da diáspora o a importancia do factor exterior na xestión pública son algúns dos temas que en xuño centrarán o debate deste congreso, no que a organización traballa actualmente na confección do seu programa. Este, segundo adiantaron nesta xornada os seus organizadores, estará estruturado arredor de “catro mesas temáticas, cun perfil diferenciado”, vinculadas cos ámbitos económico e empresarial, institucional, social e educativo e cultural.

Aberto o prazo de inscrición

Segundo se apunta na web do IGADI, o prazo de inscrición para participar neste Congreso, dirixido a todas aquelas persoas vinculadas coa internacionalización e os estudos internacionais, permanecerá aberto ata o 30 de maio, mentres que o 30 de abril pecharase o prazo de presentación de relatorios, dirixidos a aqueles investigadores e investigadoras que queiran achegar os seus proxectos a este foro.