DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O seu decano considera imprescindible “facerse ver” no maior escaparate da produción cultural galega

CCSS e da Comunicación exhibe o seu ben máis prezado en Culturgal

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 30/11/2012

O momento actual fai máis necesario que nunca un esforzo por mostrar á sociedade “o que son capaces de facer os nosos alumnos e alumnas”. Así, por segundo ano consecutivo a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación ensina o seu ben máis prezado en Culturgal, o maior escaparate actual da produción cultural galega dispondo dun espazo expositor para exhibir os traballos publicitarios e audiovisuais dos seus estudantes, ademais de dar a coñecer o perfil das titulacións impartidas no centro. “Nunha feira da cultura tamén ten que estar a formación”, salientou o decano, Juan Manuel Corbacho, tras a visita ao stand do conselleiro de Educación e Cultura en funcións, Jesús Vázquez, do alcalde pontevedrés, Fernández Lores e do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

Culturgal convértese no máis importante punto de encontro entre profesionais do sector da cultura a nivel autonómico dada a presenza das principais empresas audiovisuais, editoras e de comunicación, “polo que resulta obvio estar aquí cando somos os responsables de formar á xente que logo vai traballar para elas”, advertiu Corbacho que tamén salientou a idoneidade do ambiente e do espazo para crear novas sinerxías e colaboracións con outros organismos e entes.

Ademais de que o público obxectivo do stand da facultade sexan os asistentes e os propios profesionais que participan na feira, con esta presenza tamén se busca pór de relevancia “que a Universidade de Vigo a través deste campus forma parte desta cidade”, engadiu o decano, de aí que se deseñara toda unha estratexia de difusión e proxección dos graos e mestrados que se imparten no centro. “Outro dos nosos propósito é ser vistos e que a cidadanía saiba que somos unha facultade de comunicación con tres titulacións e tres mestrados, cunha visibilidade que queremos que vaia en aumento”, manifestou o decano, que lembrou ademais a colaboración directa con Culturgal con alumnado facendo prácticas de relacións públicas na propia feira.

Proxección a longo prazo

Este é o segundo ano que a facultade pontevedresa ten representación neste evento cultural en parte debido polos bos resultados da edición anterior. “Para nós é moi positivo estar aquí. Non procuramos uns beneficios a curto prazo xa que sabemos que máis ben é un tema de proxección e visibilidade e onde vaia a cultura, as institucións e os profesionais que a dirixen, nós tamén debemos estar aí”, concluíu o decano. Calquera que se achegue ao expositor de Ciencias Sociais e da Comunicación poderá contemplar de primeira man “a calidade e o rigor” das propostas publicitarias e audiovisuais do alumnado do centro, comprobando a súa creatividade nos deseños de imaxe de identidades corporativas, de anuncios publicitarios, proxectos fotográficos, spots televisivos ou de curtametraxes.