DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Rétase ao alumnado a propor solucións para retos reais propostos por 14 empresas

Ceaga lanza na Escola de Enxeñería Industrial un proxecto piloto co que atraer talento universitario ao sector da automoción

As persoas participantes accederán a prácticas, bolsas, visitas a plantas e charlas de empresas...

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Emprender
  • Estudantado
  • Universidade e empresa
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 19/03/2024

Captar talento universitario. Esta é a idea coa que o Clúster da Automoción e Mobilidade de Galicia, Ceaga, presentou este  martes na Escola de Enxeñería Industrial Talent Race, un proxecto piloto ideado para atraer talento das universidades e centros de formación profesional ás empresas deste sector. A presentación levouse a cabo no salón de actos da sede campus da escola nun acto que contou coa participación, entre outros, do xerente de Ceaga, Alberto Cominges; o director da escola, José Fariña, e o ex-director, Juan E. Pardo.

Tal e como se explicou durante o acto, a iniciativa busca conectar a industria da automoción e mobilidade co talento a través da resolución de retos mediante unha plataforma posta en marcha en colaboración con outros clústeres da automoción nacionais e financiada polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, a través do programa de Agrupacións Empresariais Innovadoras. A través desta plataforma, 14 empresas de Ceaga (Borgwarner, Benteler, GKN Driviline Vigo, Plastic Omnium, Denso...) presentan retos reais da industria para que as alumnas e os alumnos propoñan solucións, dándose así a coñecer no ecosistema da automoción e a mobilidade, podendo compartir espazos con profesionais, visitar empresas e acceder a diferentes oportunidades de prácticas e emprego.

Premios para as mellores propostas

Nesta fase piloto o proxecto está focalizado no alumnado universitario de carreiras técnicas, preferiblemente do último ano de grao ou de mestrado. Unha vez presentadas as propostas un xurado profesional será o encargado de analizar as respostas e elixir as mellores ideas, que optarán a diferentes premios. 

Entre os galardóns inclúese a asistencia ao evento internacional CES Las Vegas, que se celebrará do 7 ao 10 de xaneiro de 2025 e no que se darán a coñecer as principais innovacións no sector. Tamén a participación no Programa Avanzado en Management, impartido pola prestixiosa escola de negocios IE Business School, enfocado a este sector e que se levará a cabo de setembro a decembro deste ano  ou, como terceira opción, a asistencia ao evento que se celebrará no circuíto Montmeló de Barcelona o vindeiro 25 de outubro, no que se exporán prototipos de equipos de competición e no que se congregarán estudantes e empresas vinculadas ao mundo da automoción.

Envío de ideas ata o 10 xullo

O alumnado interesado en participar ten de prazo ata o vindeiro 10 de xullo para inscribirse na plataforma e responder aos retos propostos. Será, tal e como se lles explicou no acto, toda unha oportunidade para demostrar a súa valía e, ao tempo, abrir portas á realidade empresarial nun sector estratéxico para Galicia.