DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O reitor noméao decano en funcións co encargo de convocar eleccións antes do 31 de outubro

Celso Cancela substitúe a Juan Manuel Corbacho á fronte de Ciencias Sociais e da Comunicación

O ex-vicedecano asume o cargo co obxectivo de completar os preparativos do vindeiro curso académico

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Eduardo Muñiz DUVI 02/05/2014

O nomeamento de Juan Manuel Corbacho como novo vicerreitor do campus de Pontevedra obrigaba ao inmediato relevo do profesor do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade como decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. No cargo que Corbacho viña asumindo desde outubro de 2011 situarase durante os próximos seis meses o que ata o de agora era vicedecano de Asuntos Económicos e Infraestruturas, Celso Cancela, ao que o reitor, Salustiano Mato, vén de nomear novo decano en funcións coa encomenda de convocar eleccións antes do 31 de outubro de 2014.

Como explica o novo responsable do Decanato, o mandato de tres anos do equipo que lideraba o actual vicerreitor completábase no vindeiro mes de outubro, polo que enmarca dentro do “normal acontecer institucional” o nomeamento como decano en funcións que Mato asinou nesta xornada, xa que permite “unha saída escalonada do actual equipo decanal, unha vez Corbacho foi recrutado para outros labores”. Neste senso, o profesor do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía e coordinador do grao en Dirección e Xestión Pública destaca que a vontade do actual equipo decanal “era esgotar o mandato de tres anos e seguir co traballo que estabamos a facer polo ben do centro”.

Completar os preparativos do vindeiro curso

Neste senso, Cancela apunta que o obxectivo central da súa etapa como decano en funcións será o de “completar con normalidade o curso en marcha e deixar ultimados todos os preparativos do curso 2014/2015 para que este poida comezar sen ningún tipo de incidencia”, así como “darlle unha continuidade normal á vida do centro ata a convocatoria de eleccións”. Por ese motivo, o novo decano en funcións apuntou que non haberá máis cambios no equipo que dirixe o centro e Carmen López de Aguileta, José Pita e Jesús Pérez seguirán exercendo coma vicedecanos, ao mesmo tempo que Alberto Dafonte continuará como secretario da facultade. “Dado a súa experiencia e rodaxe nas súas áreas e o feito de que quedan escasamente dous meses para o remate do curso, consideramos apropiado que todo o equipo continuase coas mesmas funcións que viña desempeñando”, explica Cancela.