DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co obxectivo de facer unha posta en común dos traballos e xerar novas sinerxías entre os grupos

Un cento de investigadores e investigadoras do CIM participan na I Asemblea Xeral CIMentos

No acto presentouse un premio que recoñecerá persoas ou institucións referentes en ciencia mariña

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 10/11/2023

O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) celebrou este venres a súa I Asemblea Anual CIMentos, que ten por obxectivo principal reunir a todo o seu persoal investigador nun espazo onde presentar os seus traballos, intercambiar ideas e establecer novas colaboracións. Desta forma, máis de 100 investigadores e investigadoras, incluíndo algunhas das persoas máis citadas do mundo nas súas disciplinas, compartiron os seus avances científicos e descubrimentos, afondando así no coñecemento mutuo e o apoio entre compañeiros. 

Para o director do CIM, Daniel Rey, “esta asemblea desempeña un papel fundamental na promoción de sinerxías e na interdisciplinariedade entre o persoal do centro. Ao reunir  investigadores e investigadoras dos diferentes ámbitos de especialización do CIM, ábrense portas a unha colaboración multidisciplinaria máis ampla, permitindo abordar problemas complexos desde múltiples perspectivas. Esta diversidade de enfoques fomentará a xeración de solucións innovadoras e abordará os grandes retos que afronta a humanidade de maneira máis efectiva desde unha perspectiva azul ”, engadiu.

No acto de apertura da asemblea participou, xunto co director do CIM, a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, que destacou que “o nome de CIMentos é moi acaído porque o persoal investigador é a base sobre a que pivota o centro, e precisamos solidificar estes cimentos para que sexan moito máis estables”. Na súa intervención a vicerreitora tamén puxo en valor que “o groso da investigación mariña que se realiza provén da Universidade e iso debemos divulgalo” e animou aos presentes a incrementar as colaboracións entre os diferentes grupos que traballan nas diferentes disciplinas relacionadas co medio mariño. Rubio tamén agradeceu a “presenza masiva, sobre todo de xente nova, que sodes realmente a punta de lanza do CIM e daredes continuidade ao centro para que siga crecendo e continúe sendo relevante e coñecido a nivel nacional e internacional”.

Ao longo da xornada, o persoal investigador do CIM, que forma parte da Rede CIGUS que integra a aqueles centros cuxa calidade e impacto de investigación foi acreditada pola Xunta de Galicia, compartiu no edificio de Citexvi os seus avances a través dunha decena de comunicacións orais e 32 paneis científicos. Neles abordáronse diferentes aspectos relativos á investigación mariña que se desenvolve no centro, con temáticas relacionadas coa acuicultura e a explotación sostible dos recursos, a biodiversidade e os servizos ecosistémicos, o cambio global e a contaminación, as enerxías renovables e os novos recursos ou a xestión integrada da zona costeira.

Premio CIM

Durante o evento, o director do CIM anunciou a creación do Premio CIM, que recoñecerá a persoa ou institución cuxa traxectoria sexa un referente para o persoal investigador e cuxo traballo supoña avances na investigación que se realiza nos distintos ámbitos de especialización do CIM, tanto a nivel nacional ou internacional. 

Este premio ten como fin destacar o impacto e a relevancia dos logros alcanzados pola persoa gañadora, para visibilizar as súas achegas científicas e, desta forma, motivar o persoal do centro a seguir avanzando na construción do futuro do CIM baixo uns cimentos apoiados na capacidade investigadora, a xuventude e a interdisciplinariedade. A persoa galardoada con este premio realizará a sesión plenaria da asemblea do próximo ano, onde compartirá a súa experiencia, coñecementos e logros coa comunidade científica presente no evento.