DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Estudantes estranxeiros participan nunha iniciativa que pretende achegalos á realidade da cidade

Centos de apertas inundan a praza da Peregrina

A asociación ESN Vigo organiza por primeira vez na súa historia esta actividade en Pontevedra

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Iolanda Fernández DUVI 10/09/2013

Unha vez perdida a vergoña e adquirida certa dose de atrevemento, tanto os estudantes estranxeiros do campus pontevedrés como os veciños e veciñas da cidade déronse numerosas apertas e bicos nun ambiente cargado de risas e intentos, ás veces pouco produtivos, por establecer un pequeno contacto. A praza da Peregrina foi o escenario elixido pola ESN de Vigo (Erasmus Student Network) para realizar este martes a que foi súa primeira actividade na cidade do Lérez dende a creación da asociación no ano 1990. Baixo o lema ‘Apertas gratuítas’, este grupo de estudantes conseguiu paralizar por uns minutos a vida diaria desta céntrica praza do casco histórico.

O coordinador de ESN Vigo, na súa delegación en Pontevedra, Sergio Lorenzo acompañou a este grupo de estudantes estranxeiros nunha xornada que pretendía mudar a imaxe que unha parte da sociedade segue a ter destes alumnos de intercambio, “deixando a un lado esa idea preconcibida de que só veñen a España a gozar das festas”. A pesares disto, ao remate desta xornada chea de apertas e mais apertas, estes mozos e mozas, procedentes de países como Alemaña, Italia, Polonia ou Brasil, marcharon de cañas e tapeo polo casco histórico pero “co único propósito de coñecer mellor a cidade e aos seus habitantes”, explicou o coordinador.

Segundo adiantou Lorenzo está previsto que nos vindeiros días se realicen outras actividades como son a gravación de dun vídeo (harley shake) e unha festa de benvida (welcome party). Unha vez inmersos no curso académico, o secretario da asociación non descarta que os estudantes poidan participar en diferentes campañas de sensibilización, colaborando con ONGs mediante a recollida de tapóns ou simplemente doando sangue. Tamén está previsto que se acondicione un local no que estudantes do campus e estranxeiros poidan practicar o inglés e o español respectivamente. O uso doutras linguas como son o alemán, o italiano e mesmo o galego sería outra opción a ter en conta neste espazo.

Inmersión cultural e lingüística

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación será o lugar no que de Marta D´Horazio, Kaja Kopec e Iwna Raqynska pasen boa parte do día. D´horazio deixou a súa Italia natal para vir ata Pontevedra a estudar Comunicación Audiovisual, algo do que non se arrepinte xa que “esta cidade é sorprendentemente fermosa”. Os mesmos estudos cursarán nos vindeiros meses Kopec e Raqynska, dúas mozas polacas “namoradas” dos galegos a quen definen como “hospitalarios” e “grandes anfitrións”. Tan boa foi a súa acollida que estas tres mozas xa pensan en alongar a súa estadía na Universidade de Vigo.