DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Baixo a dirección do profesor Álvaro López Mira

Un centro de documentación, un premio de investigación e diversas actividades, darán contido á Cátedra Alexandre Bóveda

Presentouse no Pazo da Cultura de Pontevedra

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Ana Terceiro DUVI 30/10/2007

A Cátedra Alexandre Bóveda preséntase co obxectivo de difundir a figura deste galeguista a través dun centro de documentación, un premio de investigación e diversas actividades de promoción que darán un pulo ás ciencias sociais en Galicia.
Baixo a dirección do profesor da Universidade, Álvaro López Mira, a Cátedra desenvolverase a través de tres grandes liñas de actuación. En primeiro lugar, o centro de documentación coa finalidade de recompilar , sistematizar e converter en formatos dixitais o legado de Alexandre Bóveda, que está en poder dos seus descendentes, permitindo aos investigadores acceder a súa obra. “Confiamos en que se transforme en algo máis, que sexa un centro de estudos referente para os investigadores que queiran achegarse non só a figura de Bóveda, senón ao conxunto de actividades que desenvolveu no eido da economía e da política” comentou o director do proxecto. En segundo lugar, o primeiro premio de investigación Alexandre Bóveda, que terá unha dotación económica de 20.000 euros para o traballo gañador. Contará cun xurado de recoñecido prestixio e os traballos, en lingua galega, poderán versar sobre ciencias sociais, económicas ou xurídicas. “Pretendemos abrir este tipo de premios, que noutras cátedras mantemos para a xente da universidade, ao público en xeral” dixo ao respecto o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area. En último lugar, e co obxectivo de abrir á cidadanía a obra deste importante autor, se realizarán actividades coma simposios, xornadas ou conferencias ao longo do ano 2008 e que comezarán o día 18 de decembro, data simbólica por cumprirse 75 anos do primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia.

Sumando Cátedras

Respecto a importancia que ten a Cátedra de Alexandre Bóveda, Álvaro López Mira comentou que “o feito de que haxa cinco institucións distintas dándolle forma, dálle un carácter de sincretismo moi peculiar, de xuntar vontades moi diversas no mesmo obxectivo común”. O vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván area, recordou que “a constitución dunha Cátedra para a Universidade é sempre motivo de satisfacción. Quixera destacar o importante papel de Caixanova en moitas delas e dos demais parceiros”.
Con esta cátedra xa son máis de vinte as que conta a Universidade en colaboración con importantes institucións, entre elas as últimas asinadas son a Cátedra de Estudos Eurorexionais con Caixanova ou a Cátedra de Infancia coa Vicepresidencia da Xunta.

Na presentación, que tivo lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra, estiveron ademais dos representantes da Universidade o director xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia, Luis Bará, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o subdirector xeral de Caixanova, Antonio Gómez Rivera, o presidente da Fundación Alexandre Bóveda, Fernando Quintela , o coordinador do Centro de Documentación, Uxío Breogán e a delegada provincial, Mª Xesús López Escudeiro.