DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Con actividades demostrativas e obradoiros este venres no centro comercial A Laxe

O Centro de Investigación Mariña traslada os seus laboratorios á rúa e á ría

O 5 de novembro están programadas viaxes divulgativas para 120 persoas nun barco-aula

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 18/10/2022

Como vén sendo habitual nos últimos anos, os centros de investigación da Universidade de Vigo únense ao programa Divulgando Ciencia Singular para dar a coñecer e poñer en valor o traballo que se desenvolve nos seus laboratorios e para achegar á cidadanía os resultados das súas investigacións. Esta semana será a quenda do CIM-Centro de Investigación Mariña, que programou dúas de actividades prácticas e divulgativas abertas a toda a cidadanía. Este venres 21 pola tarde parte do seu persoal investigador acudirá ao centro comercial A Laxe para explicar as diferentes liñas científicas que desenvolven os grupos de investigación a través de talleres e obradoiros. Dúas semanas despois, o día 5 de novembro, haberá un paseo científico pola ría aberto tamén a todo tipo de público. 

Como destaca o director do CIM, Daniel Rey,  “temos a obriga de dar a coñecer o que facemos á sociedade, e non só iso, senón tamén visibilizar a relevancia que ten esa investigación para o noso futuro e para o futuro dos océanos. Ademais, é a ferramenta máis poderosa que temos para xerar vocacións científicas nas nenas e nenos que participan coas súas familias nestas actividades”.

Ambas iniciativas desenvólvense ao abeiro do programa Divulgando Ciencia Singular, financiado pola Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, que ten como finalidade que realizar actividades de divulgación científica gratuítas e para todos os públicos para dar a coñecer a actividade dos centros de investigación do Sistema Universitario Galego e a importancia que esta ten para a sociedade en xeral. 

Da rúa á ría

A primeira das actividades, Coñece ao CIM na rúa, terá lugar este venres entre as 17.00 horas e as 20.00 horas no primeiro andar do centro comercial A Laxe, ante a imposibilidade de facela ao aire libre como estaba prevista, pola previsión meteorolóxica. Nesta cita, investigadoras e investigadores do CIM darán a coñecer as diferentes liñas de traballo relacionadas coa biodiversidade, o cambio climático, a pesca, a paleontoloxía, a xenética, etc. A través dunha serie de obradoiros, xogos e actividades, as persoas interesadas aprenderán a través da experiencia e da manipulación diversas cuestións relacionadas co medio mariño e coa investigación que se realiza no CIM. 

Para esta mesma semana estaba tamén prevista unha segunda actividade, Embárcate co CIM, que finalmente, tamén polas condicións meteorolóxicas previstas, terá lugar o sábado 5 de novembro. Trátase dunha das propostas que cada ano acaba máis éxito nas xornadas de portas abertas, un paseo divulgativo pola ría. As persoas participantes, previa inscrición, poderán subirse a un barco-aula a bordo do que navegarán entre o peirao da Laxe e a illa de Toralla. Durante o traxecto desenvolveranse unha serie de actividades de observación, obtención de mostras de sedimento e organismos mariños e explicacións por parte de diversas persoas investigadoras do CIM. Xa na illa levarase a cabo unha visita guiada á Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, principal infraestrutura científica do Centro de Investigación Mariña. Alí, e da man do persoal técnico, coñecerán os laboratorios de investigación, as salas de cultivos auxiliares, as instalacións de mesocosmos e a sala de bombas, e presenciarán diferentes experimentos da man de persoal científico do CIM. Para esta actividade están previstas tres quendas (09.00-12.00, 12.15-15.15 e 16.00-19.00 horas) con 40 prazas dispoñibles en cada unha. As persoas interesadas deberán acceder á web do CIM para inscribirse. O trámite é automático a través dun formulario web e por rigorosa orde de entrada ata esgotar as prazas.