DUVI

Diario da Universidade de Vigo

París acolleu acto de lanzamento do European Marine Biological Resource Centre

O Centro de Investigación Mariña da Universidade abrirá as súas portas a través do EMBRC a científicos de todo o mundo

O CIM é, xunto á Estación de Plentzia, o nodo español na infraestrutura mariña europea

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 21/06/2018

Tras quince anos de traballo, o martes 19 de xuño, nun acto celebrado na Universidade da Sorbona de París, materializábase o lanzamento do European Marine Biological Resource Centre (EMBRC-ERIC), a gran infraestrutura europea de investigación mariña, que agrupa un total de 24 centros de nove países, elixidos pola Unión Europea, entre os que se atopan o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo e a Estación Marina de Plentzia da Universidade da UPV/EHU. “As dúas estacións mariñas que representan a España no EMBRC tivemos un papel moi activo nas fases de preparación e implementación da infraestrutura. Polo de agora, conseguimos transmitir á Comisión Europea e aos estados membros a importancia de dispoñer dunha infraestrutura para apoiar a investigación biolóxica mariña en Europa”, destaca Antonio Villanueva, representante científico de España no consello do EMBRC. 

O EMBRC–ERIC impulsará o desenvolvemento das denominadas biotecnoloxías azuis, promovendo tanto a investigación básica como a aplicada dedicadas á procura de solucións sostibles nos sectores da alimentación, a saúde e o medioambiente, proporcionando acceso a información e recursos de todos os mares de Europa, de xeito que calquera científica ou científico ou empresa teña a súa disposición os recursos precisos para o seu labor investigador. “O que agardamos unha vez que a infraestrutura entra na súa fase operacional é sobre todo abrir as portas do noso centro a investigadores de todo o mundo, a través dun escaparate inmellorable como o EMBRC”, sinala Villanueva, que explica que o traballo debe orientarse para que a investigación biolóxica mariña se beneficie dela, prestando servizos de alto valor e fomentado a colaboración científica.

Un elemento fundamental na estratexia de proxección internacional do CIM

Xunto a España, Bélxica, Francia, Grecia, Israel, Italia, Noruega, Reino Unido e Portugal son os nove países que albergan os centros de investigación que integran o EMBRC-ERIC, que comezou a constituírse no ano 2008. Tres anos despois as e os promotores do proxecto poñían en marcha o seu primeiro proxecto e en 2014 subscribíase un memorando de entendemento para iniciar o proceso de formalización legal da infraestrutura. No caso de España, foi no Consejo de Ministros do 15 de decembro de 2017 cando o país ratificaba o seu compromiso co EMBRC-ERIC, que contará con financiamento da Xunta de Galicia e do goberno vasco.

“Participar no EMBRC é un elemento fundamental na estratexia de proxección internacional del Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, a nosa participación na fase preparatoria e de implementación permitiron a un centro novo coma o noso, establecer contactos e colaboracións que están a ter  enorme impacto, como exemplo sinalar que o 20% dos proxectos do programa H2020 nos que participa a Universidade de Vigo ou o primeiro proxecto de cooperación internacional na área atlántica liderado pola nosa universidade xorden a partir da nosa participación no EMBRC”, explica o representante científico de España no consello do European Marine Biological Resource Centre.