DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ofértase alemán, inglés e español para estranxeiros en diferentes niveis e modalidades

O Centro de Linguas abre a matrícula para os cursos do segundo cuadrimestre

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cursos
  • Internacional
  • Académica
M. Del Río DUVI 10/01/2024

Co inicio do segundo cuadrimestre arranca tamén a formación en idiomas que ofrece o Centro de Linguas da Universidade de Vigo, que para esta segunda parte do ano académico oferta cursos de inglés, alemán e español para estranxeiros.

Cursos de inglés 

O groso da oferta do Centro de Linguas para os próximos meses está conformada por cursos de inglés, con diferencia o idioma máis demandado polos usuarios e usuarias. As persoas interesadas poderán optar pola modalidade semipresencial, cun grupo para o nivel B1.2, dous grupos de B2.2 e un de C1.2, ou ben pola modalidade completamente virtual con grupos de B1.2, B2.2 e C1.2.

Calquera das opcións ten unha duración de 55 horas, impartíndose os cursos presenciais na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, salvo o dun dos grupos do nivel B2.2, que se impartirá na sede campus da Escola de Enxeñaría Industrial. A matrícula está aberta para calquera das opcións ata o día 22 deste mes, comezando as clases o 29 e rematando o 6 de maio, salvo no caso do curso que se imparte na EEI, que arrancará o 2 de febreiro e rematará o 10 de maio. No caso de optar pola modalidade totalmente virtual, a docencia estenderase entre o 30 xaneiro e o 9 de maio.

Os prezos, en calquera dos casos, varían entre os 255 euros para comunidade universitaria e os 305 para o resto de persoas. 

Alemán semipresencial e virtual

No caso de alemán, ofértanse dúas alternativas, por unha banda, un curso intensivo de nivel A1 semipresencial, que ten a matrícula aberta ata o día 22 e que comezará a impartirse o 2 de febreiro. A expresión e a comprensión oral serán o centro das sesións presenciais, co obxectivo de que as persoas asistentes perdan o medo a falar e evitar bloqueos dende o principio. Nas horas de traballo autónomo faranse especialmente actividades de comprensión lectora, expresión escrita e vocabulario. O curso ten un prezo de 240 euros para a comunidade universitaria e de 294 euros para o público en xeral e unha duración de 60 horas.

Outra alternativa para achegarse a este idioma é o curso virtual Aprende alemán viaxando, que se impartirá entre o 31 deste mes e o 29 de maio. Esta formación está especialmente pensada para persoas que teñen pensado viaxar, estudar ou realizar unha estadía nun país de fala alemá e que, aínda que non necesitan acreditar un nivel de lingua, teñen interese polo idioma e a cultura. O obxectivo é que ao finalizar a viaxe, cun enfoque moi práctico e comunicativo, as e os inscritos dispoñan duns recursos mínimos para poder comunicarse ao chegar ao país e coñezan as particularidades culturais e costumes relevantes.

O período de matrícula permanecerá aberto ata o 22 deste mes e o prezo varía entre os 138 para a comunidade universitaria e os 169 para o público en xeral e terá unha duración de 30 horas.

Español para estranxeiros presencial

O terceiro idioma que se oferta neste segundo cuadrimestre é o español para estranxeiros, do que se ofertan oito opcións: dous grupos de nivel A1, dous de A2, dous de B1 e dous de B2, cada un con diferentes datas e horarios, pero sempre na Facultade de Filoloxía e Tradución. Estes cursos están especialmente orientados ao alumnado de intercambio internacional que chega á Universidade de Vigo, que se poderá inscribir ata o 18 de febreiro, aínda que a docencia se impartirá entre o 29 de xaneiro e o 16 de maio. Ademais, ofértase a opción de realizar este curso de xeito virtual para os niveis B1 e B2.

Os prezos varían entre os 234 euros para a comunidade Universitaria, o 75 euros para as e os estudantes de intercambio e o 285 para o público en xeral. En todos os casos, a duración da formación é de 60 horas.