DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A inscrición poderá realizarse ata o vindeiro 31 de xaneiro

O Centro de Linguas abre o prazo de matrícula para os cursos de idiomas do segundo cuadrimestre

Como novidade, este ano impartiranse clases de francés comercial

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Jessica Fdez. DUVI 12/01/2012

Co segundo cuadrimestre á volta da esquina e ante o continuo aumento na demanda de cursos de idiomas estranxeiros, o Centro de Linguas abre o prazo de matrícula para os cursos de idiomas que se impartirán principalmente no campus de Vigo e que están dirixidos a todo o público en xeral. Nesta ocasión ofértanse un total de 17 cursos de 10 linguas diferentes, nos que se prestará especial atención á aprendizaxe e comprensión tanto oral e escrita coma a nivel gramatical e léxico nos diferentes niveis establecidos polo Marco Europeo de Referencia para as Linguas.

Aínda que o inglés sigue sendo o idioma estrela, “existe un gran crecemento na demanda de cursos de alemán, seguramente polas ofertas de emprego deste país”, indica Pilar Martínez do Centro de Linguas. Nesta ocasión, a novidade reside no curso de francés orientado as relacións comerciais, mentres que se manteñen os cursos de alemán, inglés, chinés, árabe, xaponés, ruso, portugués, francés e español para estranxeiros, ademais de linguaxe de signos española, clases para a obtención do DELE e cursos específicos de alemán e inglés para estudantes de enxeñaría. Ademais, no seu afán por promover a aprendizaxe dos idiomas e de culturas alleas, o Centro de Linguas tamén achega os idiomas inglés e alemán ao alumnado do conservatorio.

Prezos e prazos de matrícula

A matrícula formalizase a través da plataforma Bubela e o prazo permanecerá aberto ata o vindeiro 31 de xaneiro, “excepto para os alumnos de intercambio, para os que se amplía o prazo ata o 2 de febreiro xa que adoitan incorporarse algo máis tarde e teñen moito interese no curso de español para estranxeiros”, indica Martínez.

Os cursos de idiomas teñen un prezo especial para os membros da comunidade universitaria e varía en función das horas de duración: os cursos de 45 horas teñen un prezo establecido de 180€ para o público en xeral e 135€ para os membros da Universidade e aqueles cunha duración de 55 horas custan 200€ para as persoas alleas á institución e 155€ para os membros da mesma. O curso de español para estranxeiros ten unha duración de 60 horas e un prezo de 240€ para o público en xeral, 180€ para os membros da comunidade universitaria e 40€ para aqueles alumnos que participen nos programas de intercambio da Universidade.

Todos os asistentes recibirán un diploma acreditativo de nivel, mentres que o alumnado universitario poderá validar as horas cursadas por créditos ETCS ou de libre elección.