DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Centro de Linguas amplía o prazo de matrícula dos seus cursos

Inglés, francés ou lingua de signos son algúns dos idiomas nos que aínda hai prazas

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
DUVI 11/02/2011
Aínda hai tempo para os que queren aprender idiomas. O Centro de Linguas da Universidade ampliou o prazo de matrícula ata o 18 de febreiro en algúns dos cursos que oferta. O alemán é unha das linguas ás que se pode acceder no campus de Vigo. Os interesados poderán matricularse nos niveis A1.1, destinado a persoas sen coñecementos previos de alemán, e A1.2, para os que acrediten coñecementos básicos (que teñan cursado o nivel A1.1 ou equivalentes). Pola súa banda en inglés amplíase o prazo no nivel C1, e dicir, intermedio alto. Ademais dende o Centro de Linguas tamén ampliaron o prazo en iniciación de chinés e lingua de signos española. No que se refire ao portugués ofértanse prazas en todos os niveis.

Os cursos, cunha duración de 45 horas, celebraranse na Facultade de Filoloxía e Tradución en quendas de tarde dende a última semana de febreiro ata finais do mes de maio. O alumnado recibirá un diploma de asistencia no que figure o número total de horas e créditos do curso. Para acadar este certificado hai que asistir, como mínimo, ao 85% das clases.

Ampliación tamén en Ourense e Pontevedra

No campus de Pontevedra, pola súa banda, o Centro de Linguas aumenta o período de inscrición na súa oferta de cursos de conversa en inglés. A formación consistirá en clases prácticas de comprensión e expresión orais a través dunha variedade de exercicios e tarefas que simularán situacións comunicativas dos ámbitos cotián e profesional. Mentres, en Ourense, amplíase o prazo de matrícula nos cursos de iniciación en lingua de signos española e en inglés.