DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Centro de Linguas oferta este verán cinco cursos de inglés no campus

Desenvolveranse entre os meses de xuño e xullo na Escola de Enxeñaría Forestal

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Iolanda Fernández DUVI 13/05/2013

O Centro de Linguas da Universidade de Vigo propón cinco novos cursos de inglés para este verán no campus de Pontevedra. Seguindo coa súa habitual liña de traballo no período non lectivo, o centro abre o prazo de matrícula destas actividades formativas dirixidas a toda a comunidade universitaria, o estudantado beneficiario de bolsas Erasmus e público en xeral interesado na mellora dos seus coñecementos nesta lingua. Os cursos impartiranse na Escola de Enxeñaría Forestal ao longo dos meses de xuño e xullo. O alumnado ten ata cinco días antes do comezo de cada curso para formalizar a súa matrícula a través da paxina web do Centro de Linguas.

Ata o vindeiro mércores 29 de maio ten de prazo para matricularse o alumnado que decida participar no curso intensivo de inglés correspondente ao nivel B1 de acreditación de competencias nesta lingua. Esta primeira actividade de verán do Centro de Linguas no campus ten unha duración de 80 horas, en horario de 10.00 a 14.00 horas, entre o 3 de xuño e o 1 de xullo. O prezo reducido para a comunidade universitaria é de 300 euros mentres que para o resto de interesados ascende a 360 euros.

A formación continúa da man de dous cursos de inglés dirixidos especificamente ao alumnado beneficiario dunha bolsa Erasmus en calquera das súas modalidades. Impartirase docencia, na súa primeira quenda, entre o 17 de xuño e o 1 de xullo en horario de mañá, dende as 10.00 ata as 14.00 horas, cunha carga lectiva de 40 horas. Entre o 15 e o 29 de xullo, no mesmo horario, terán clases os alumnos e alumnas que se matriculen no segundo grupo de estudo. O prezo desta actividade ascende a 150 euros para membros da comunidade universitaria e a 180 euros para persoas alleas á mesma.

Obradoiros eminentemente prácticos

Un curso de conversa e pronuncia en inglés de 20 horas de duración e un obradoiro orientado ao uso desta lingua no eido profesional, cunha carga lectiva de 30 horas, completan a última edición do programa de cursos de verán proposto polo centro para o campus e que acolle, na súa totalidade, a Escola de Enxeñaría Forestal. Entre o 15 e o 29 de xullo desenvolverase o primeiro destes obradoiros, cun marcado carácter práctico, en horario de 11.00 a 13.00 horas. O custo desta actividade ascende aos 75 euros no caso de que o alumno ou alumna pertenza á comunidade universitario e aos 90 euros no resto dos casos. Por último, entre o 2 e o 12 de xullo desenvolverase o curso de inglés profesional, de 30 horas de duración en horario de 10.00 a 14.00 horas, cun custo de 115 euros para o alumnado vinculado coa universidade e de 135 para o público en xeral.