O embaixador de España en Alemaña impartirá a lección inaugural
O Centro Universitario da Defensa inaugura este venres o curso con 95 estudantes de novo ingreso
O contraalmirante director de Ensinanza Naval presidirá o acto
Coincidindo este venres coa celebración en Vigo do acto oficial de apertura do curso académico do Sistema Universitario de Galicia, o Centro Universitario da Defensa da Escola Naval Militar de Marín acolle tamén a inauguración do ano académico deste centro adscrito. Este acto servirá tamén para darlle a benvida institucional aos 95 novos alumnos que cursarán o grao en Enxeñaría Mecánica no centro, que comezaron xa as clases, xunto co resto da comunidade universitaria, o pasado 5 de setembro.
O acto, que dará comezo ás 11.50 horas, estará presidido polo contraalmirante director de Ensinanza Naval, Andrés Amable Breijo Claur, na que será a súa primeira visita oficial á Escola Naval, polo que será recibido con Honras de Ordenanza pola formación do Batallón de Alumnos e toda a Dotación da Escola Naval Militar. No transcurso do evento intervirán tamén o comandante-director da escola, Marcial Gamboa e o director do Centro Universitario da Defensa, José Mª Pousada. O encargado da lección inaugural será o embaixador de España en Alemaña, Rafael Dezcallar de Mazarredo e o acto rematará cun almorzo no comedor de alumnos presidido polo director de Ensinanza Naval, acompañado polo alumnado, o cadro de profesores e as autoridades convidadas.
Previamente ao acto celebrarase o tradicional acto castrense de Lectura de Leis Penais, no que tamén se procederá ao nomeamento de brigadieres, sub-brigadieres e alumnos distinguidos, concluíndo co Desfile do Batallón de Alumnos e unha Compañía de Marinería.