DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus e Down Ourense asinaron o seu sexto convenio de colaboración

Un chanzo máis na integración laboral de persoas con discapacidade

Dúas persoas xa están adquirindo experiencia en tarefas deportivas e de conserxería na Universidade

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Noemí Rey DUVI 16/12/2014

Ser abertos e imaxinativos para conseguir integrar á Universidade dentro da sociedade ourensá. Esa é a intención coa que cada ano o campus de Ourense realiza un concurso público para que asociacións sen ánimo de lucro da cidade presenten as súas propostas para o desenvolvemento dun programa específico de integración laboral de persoas con discapacidade e que nesta ocasión gañou Down Ourense. Este martes, esta entidade asinaba de novo un convenio de colaboración para que dúas persoas con discapacidade intelectual traballen no campus de ourensán durante seis meses e adquiran experiencia no desenvolvemento de determinadas tarefas profesionais.

Estes novos beneficiarios xa se incorporaron esta semana nos seus postos na conserxería do Edificio Xurídico-Empresarial e no Servizo de Deportes, onde supervisados nos primeiros intres por un orientador laboral irán collendo “as destrezas e habilidades que lles permita ter unha maior eficiencia e capacidade á hora de mergullarse no mercado laboral”, como salientou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, durante a sinatura do convenio coa presidenta da Asociación Down Ourense, María del Mar Prieto. “A Universidade é unha contorna magnífica para poder levar adiante este propósito”, recalcou Mato.

Oito experiencias anteriores

Este é o sexto convenio que o campus asina con Down Ourense e que levaron a un total de oito persoas a gañar experiencia laboral nas instalacións universitarias. Unha experiencia de colaboración que está a ser “consolidada, da que estamos moi satisfeitos cos resultados e que nos anima na medida en que poidamos a intensificar a cooperación con esta entidade para darlle aos seus asociados máis posibilidades de integración”. Para a presidenta da asociación, este bo facer que se vén levando a cabo nos últimos anos leva a Down Ourense a “seguir traballando co mesmo tesón e na mesma liña” para conseguir que persoas con discapacidade intelectual “teñan a oportunidade de obter un emprego”. Neste momento, a asociación ten a 12 rapaces e rapazas en formación laboral, dos que cinco están a traballar e o resto “en procura activa de traballo tras rematar os seus anteriores contratos”.

Down Ourense é unha entidade sen ánimo de lucro constituída para a promoción e realización de actividades que contribúan a mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual na procura da súa plena integración familiar, social, educativa e laboral, como é co caso deste proxecto “pioneiro” co campus de Ourense. Con este convenio trátase de fomentar a súa autonomía persoal para que acaden o maior grao de independencia posible a través da colaboración co traballo diario da Universidade de Vigo, tanto nas tarefas propias dun conserxe como de preparación e mantemento das instalacións deportivas.