DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No edificio Redeiras ás 16.30 horas aberta ao público en xeral

Unha charla con Deborah García Bello abrirá este mércores o Mes da Ciencia da Facultade de Química

O ciclo prolongarase ata o 8 de maio e incluirá relatorios de José Benito Vázquez , Ricardo Moure...

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • HRS4R
  • Cultura
D. Besadío DUVI 02/04/2024

Química e investigadora, Deborah García Bello é un dos rostros máis coñecidos e premiados da divulgación científica en Galicia e tamén a persoa elixida para inaugurar o Mes da Ciencia da Facultade de Química, unha iniciativa posta en marcha desde o decanato do centro coa colaboración da delegación de estudantes. Será mañá mércores ás 16.30 horas no edificio Redeiras, nunha charla aberta ao público en xeral e que contará tamén coa asistencia da vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio.

“Consideramos que a divulgación da ciencia é algo fundamental por iso queremos visibilizar o traballo que se fai nas universidades”, apunta a decana, Mª de los Ángeles Peña, quen explica que se celebrarán en total seis charlas, a inaugural impartida por Deborah García no edificio Redeiras e as demais  -10, 17 e 24 de abril e 2 e 8 de maio- no salón de actos do edificio de Ciencias Experimentais.

Autora do blog científicio Deborah Ciencia e investigadora do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas, CICA da Universidade da Coruña, a traxectoria de García Bello foi xa recoñecida con múltiples galardóns, entre eles, o Premio Bitácoras 2014 como Mejor Blog de Ciencia en España, Premio Tesla de Divulgación Científica 2016, Premio Prisma de Divulgación 2017 polo seu libro Todo es cuestión de química, ou o Premio de periodismo científico ANEABE 2021 polo seu traballo divulgativo sobre os plásticos. 

As charlas están dirixidas a todo tipo de público, desde estudantes de ESO, bacharelato e universidade, ao persoal universitario e público xeral. “Temos tres charlas de divulgadores científicos de gran prestixio e tres de persoal que está ou se formou nas universidades galegas”, engade a decana, satisfeita de poder contar con García Bello para a xornada de apertura.  

Ata o 8 de maio, con The Big Van, Científicos sobre ruedas

O ciclo de charlas continuará o 10 de abril co profesor da Universidade de Vigo José Benito Vázquez Dorrío, catedrático de Física Aplicada recoñecido por impulsar a aprendizaxe manipulativa da física con actividades formativas e divulgativas.

O mércores 17 será a quenda de Saleta Vázquez Rodríguez, doutora en Química pola Universidade de Santiago de Compostela e, nestes momentos, directora de produción de Zendal Portugal, quen vai contar a súa experiencia como investigadora e traballadora nunha empresa biotecnolóxica. O 24 de abril contarase coa participación do divulgador Ricardo Moure, biólogo molecular pola Universidad de Salamanca e doutor en Biotecnoloxía Biomédica pola Universidad de Barcelona, quen na actualidade forma parte do elenco de divulgadores científicos do programa de TVE Órbita Laika, onde fusiona ciencia e humor.

Xa no mes de maio, o xoves 2 contarase coa participación da profesora da Área de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía da Universidade de Santiago de Compostela Carmen Barciela e o 8 de maio pecharase o mes con The Big Van, Científicos sobre ruedas, un grupo de persoas dedicadas á ciencia e á investigación co claro obxectivo de transformar a comunicación científica nun produto atractivo para todo tipo de públicos.