DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As conferencias comenzaron en outubro

Chega ao ecuador o I Encontro Internacional sobre Migracións e Globalización

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
DUVI 14/11/2007
Marta Casanova | Ourense
O pasado 18 de outubro comezou no Edificio de Ferro o primeiro Encontro Internacional sobre Migracións e Globalización organizando dende a área de Historia de América da Universidade.
Xosé Ramón Campos, coordinador, valora positivamente as xornadas realizadas, “temos 147 inscritos, o cal é un éxito porque ademais proceden de todas as carreiras do campus e incluso hai xa licenciados e teñen un bo nivel de participación”. Parte do mérito débese á actualidade da temática a tratar, un mundo en que os procesos migratorios internacionais teñen múltiples causas pero unha consecuencia clara que é a globalización. Isto abrangue dende as novas pautas nas traxectorias laborais e os cambios na mobilidade humana ata unha cultura común xurdida da mestura.
“A idea é traer investigadores e xente que traballa no tema noutros lugares non só de España, tamén latinoamericanos, para ver qué se está facendo e analizar casos concretos” apuntou Campos. Precisamente o Encontro ten vocación de continuidade para abarcar temas como o da inmigración centrándose no caso galego,un pobo tradicionalmente emigrante que agora pasou a recibir xente emigrada.

Relatores destacados

Cando se chega á metade das xornadas, o coordinador reflexionou sobre as intervencións máis destacadas “o primeiro día Carina Perelli, que foi comisionada nas eleccións de Iraq, contou as súas vivencias, ademais de falar do voto no estranxeiro. Foi moi interesante coñecer de primeira man unha experiencia así”. O punto emotivo, púxoo Rosario Márquez Macías, da Universidade de Huelva que “analizou o soño de emigrar a América a través de cartas da época, unha realidade moi próxima para anteriores xeracións vista desde a óptica máis humana”.
As conferencias, que están tendo lugar todos os xoves, sufriron varias modificacións con respecto ao programa orixinal. O vindeiro día 22 tomarán a palabra, en primeiro lugar Xosé Ramón Campos, da Universidade de Vigo e despois Mª Xosé Rodríguez Galdo da Universidade de Santiago.