DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Promovido pola Vicerreitoría do campus, co patrocinio da Deputación, arranca este xoves 4

Un ciclo de proxeccións explorará as canles polas que a creatividade se fai patente no cinema

A través de películas de diferentes xéneros e épocas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 02/04/2024

Coñecer filmes de diferentes xéneros, épocas e países, que permitan explorar as diferentes canles polas que a creatividade se fai patente no cinema, tanto a través de aspectos técnicos e formais como dos elementos narrativos ou da construción dos personaxes. Ese é o propósito do segundo ciclo de cinema Expediente Alquimia, promovido pola Vicerreitoría do campus no marco das actividades da Semana da Creatividade, que se celebrará entre o 22 e o 26 de abril. Patrocinado pola Deputación de Pontevedra, no marco das iniciativas para o impulso do proxecto de especialización Campus Crea, trátase dun ciclo aberto ao público e conformado por dez proxeccións na Casa das Campás, que terán lugar entre este xoves 4 de abril e o 14 de xuño.

Baixo o título de Expediente Alquimia (II), trátase dunha actividade que conta tamén coa colaboración do Instituto Francés do Cinema e do Goethe Institut alemán e que busca afondar en como a creatividade aflora no cinema a través dunha combinación de “coñecemento e imaxinación”, como sinala o seu coordinador, o codirector do festival Novos Cinemas Suso Novás. Con esa idea, entre os seus obxectivos figura tanto “a análise de arquetipos argumentais focalizados na creación”, como mostrar “exemplos da capacidade que ten o cinema de ser revelador cuns recursos mínimos”, a través de filmes que desenvolveron “aspectos estéticos e formais novidosos no seu momento”. 

Filmes de diferentes épocas e xéneros

Con sesións programadas para as 19.00 horas, o ciclo arranca este xoves 4 de abril con Sopa de ganso (1933), unha comedia que, como apunta Novás, combina “a creatividade” dos irmáns Marx e do director Leo McCarey. O venres 12 poderá verse unha das obras de referencia do expresionismo alemán, Nosferatu (1921) de Murnau, que permitirá afondar “na capacidade de xerar un relato inquietante cuns valores plásticos dificilmente superables”. Sete días despois chegará o primeiro achegamento á animación, con Pesadelo antes de Nadal (1993), dirixida por Henry Selick e producida por Tim Burton, mentres que o 25 de abril proxectarase Lancelot du lac (1974), do francés Robert Bresson, un exemplo da capacidade do cinema para “conseguir o máximo co mínimo”, como destaca o coordinador do ciclo. 

O 3 de maio, o ciclo achegarse ao “cambio de paradigma” que o traballo de Wolfgang Reitherman supuxo para as películas de animación de Disney coa proxección de Robin Hood (1973), mentres que o venres 10 poderá verse “un dos grandes melodramas de Douglas Sirk”, Sempre hai un mañá (1955). O 24 de maio exhibirase Unha mirada – e o amor desátase (1986), de Jutta Brückner, “unha cineasta alemá cunha mirada moi crítica” que permitirá falar “do cinema con perspectiva de xénero”, mentres que a proxección o venres 31 de Blue velvet (1986), de David Lynch, levará a abordar “como unha película pode ter multiplicidade de capas”. Xa o 7 de xuño poderá verse “un dos fitos do cine ensaio”, Sans Soleil (1982), do francés Chris Marker, e a programación pecharase o 14 de xuño cun achegamento ao cinema máis contemporáneo, da man Licorice Pizza (2021), de Paul Thomas Anderson.