DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Baixo o título de 'Publi&Webinars', reúne as conferencias dunha serie de profesionais

Un ciclo de relatorios busca ampliar a formación do alumnado en deseño sonoro e desenvolvemento web

Terá lugar a partir do 22 de marzo en CCSS e da Comunicación

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • TIC
  • Académica
DUVI Pontevedra 14/03/2022

Completar a formación do alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación a través das achegas de diferentes profesionais é o principal obxectivo do ciclo Publi&Webinars, que promove o profesor Xabier Martínez Rolán. Tomando como punto de partida as materias que imparte nos graos en Publicidade e Relacións Públicas e Comunicación Audiovisual, pero coa idea de abordar tamén, explica, “temas de actualidade e interese para a comunidade universitaria”, este ciclo de relatorios permitirá afondar nas próximas semanas na creación de paisaxes sonoras, na elaboración de podcasts, no desenvolvemento de páxinas web e na mellora da súa posición nos buscadores.

Promovido coa colaboración da facultade, o Consello Social da Universidade de Vigo e a Vicerreitoría do campus, este ciclo busca completar a formación do alumnado das materias Proxectos interactivos e novos medios web e Expresión sonora, do Grao en Comunicación Audiovisual, e Seminarios profesionalizantes, do Grao en Publicidade e Relacións Públicas, a través de conferencias, explica Rolán, “abertas á comunidade universitaria, nas que se conxugan temas de deseño web e unha perspectiva sonora”. 

Cinco sesións entre marzo e maio

Esta nova edición dos Publi&Webinars, que recuperan neste 2022 o seu formato presencial tras levarse a cabo de xeito virtual o pasado curso, arranca o vindeiro martes 22 cun relatorio da egresada da facultade e profesora da Universidade da Coruña Teresa Piñeiro sobre a creación de paisaxes sonoras, dirixida a afondar “en como se constrúe un lugar na nosa cabeza simplemente con sons”, explica Martínez Rolán. Tamén exalumno da facultade Joel Gómez Cendón, xestor de proxectos en Hacce Soluciones TIC protagonizará o 29 de marzo a segunda das conferencias, centrada na súa traxectoria profesional no mundo do desenvolvemento web. “A idea é poder amosarlle ao alumnado que pódese vivir disto e que existen outras saídas laborais no mundo do audiovisual”, sinala o coordinador do ciclo.

Xa en abril, o martes 26 terán lugar dos novos relatorios, protagonizados polo consultor SEO Wajari Velásquez. A primeira destas conferencias, titulada Comunicando con sonidos y corazón, estará centrada na realización de podcasts e máis concretamente, no súa experiencia co espazo SEO para Wordpress, “como un formato de promoción dos seus produtos e servizos”, sinala Martínez Rolán. Especializado nas estratexias de mellora do posicionamento dos espazos web en buscadores, Velásquez impartirá a continuación un segundo relatorio, titulado Al seo le gusta el punk, centrado no momento que vive actualmente este ámbito profesional. Por último, este ciclo pecharase o 3 de maio cun relatorio centrado tamén en optimización web, a cargo de Iván Expósito, responsable de atención ao cliente en Dinahosting e inserido na colaboración desta empresa coa materia de proxectos interactivos, “para a que nos ceden un servidor durante o cuadrimestre, que fai que poidamos traballar nunha contorna real e profesional”, sinala Martínez Rolán.