DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Sophia e White Magic compartiron o escenario do Vidal Bolaño

O Ciclo Sonora máis intimista pecha a programación musical do outono

A vindeira cita será con Berrogüeto no concerto de Nadal o 15 de decembro

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 26/11/2010

Intimismo da man de Sophia e sensualidade con White Magic, con este cartaz chega ao seu fin a Vicerreitoría de Extensión Universitaria a programación musical do primeiro cuadrimestre, a falta do concerto de Nadal dentro de tres semanas.

Ambas propostas, enmarcadas no Ciclo Sonora 2010, trouxeron ao campus a aposta máis alternativa e independente da oferta cultural da Universidade, un festival que xa se converteu nun clásico para a contorna de Vigo achegando así a institución á cidade e fortalecendo os seus vínculos e posicionando o Teatro Vidal Bolaño dentro do circuíto de concertos da provincia.

O encargado de abrir o espectáculo foi o proxecto Sophia, xurdido das cinzas de God Machine que, tras cinco anos sen subirse ao escenario, presentou unha aposta claro polo intimismo e o contacto directo do seu público. Robin Proper-Sheppard deseña o seu repertorio atendendo ás peticións do seus fans a través de correo electrónico pero tamén personaliza o decorado e a iluminación achegando para cada ocasión o seu propio xogo de luces que adapta para acadar un ambiente familiar. Con esta proposta xirou durante meses antes do verán por toda Europa acadando moi boa resposta do público.

Tras Sophia subíronse ao escenario White Magic que presentaron o seu novo disco que sairá á rúa en poucos meses. A banda estadounidense será a convidada especial do festival All tomorrow parties tras acadar recoñecemento internacional ao participar no disco compilatorio The golden apples of the sun no que incluían a peza Don’t need. Co seu ton suave, sensual e intimista puxeron o peche ao festival Sonora 10 na súa versión de outono.

A vindeira cita, o concerto de Nadal

A programación musical do primeiro cuadrimestre pecharase definitivamente o vindeiro 15 de decembro co tradicional concerto de Nadal que ofrece a Universidade. Desta volta, os encargados de dar a benvida ás festas serán Berrogüeto, que estarán acompañados no escenario do Centro Cultural Caixanova por Carmen Paris e as Pandereteiras de Cantigas e Agarimos.