DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita será os días 27 e 28 de abril

Ciencias Económicas e Empresariais acollerá un seminario sobre confianza e motivación

O programa de formación correrá a cargo do adestrador de alto rendemento Juan Planes

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 12/04/2012
Transformar estados de ánimo negativos como o estres, a ansiedade ou a irritabilidade en estados de relaxación, motivación ou optimismo; xestionar mellor o tempo e empregalo de maneira máis produtiva ou marcarse obxectivos de forma eficaz son algunhas das cousas que poderán aprender as persoas que asistan os vindeiros 27 e 28 de abril ao seminario Revoluciona tu vida. Desata tu potencial, de Juan Planes, empresario de éxito, formador en psicoloxía positiva e adestrador en alto rendemento.

A cita será na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, onde esta mañá o decano en funcións do centro, Santiago Gómez Fraiz, recibiu a un dos organizadores, Juan José Gómez, que explicou en detalle as características “dun evento que trascende o tipo de educación formal que estamos acostumados a recibir”, subliñou, ao tempo que explicou que ao longo do seminario daranse as claves para que cada asistente poida trazar o seu propio plan de acción para dirixir a súa vida cara a consecución das súas aspiracións “un plan eficaz que se apoiará no mellor das técnicas de máximo rendemento e desenvolvemento persoal dos expertos internacionais máis influentes”.

Complemento “perfecto” á formación tradicional

Aberto a participación de toda a comunidade universitaria, o decano gabou a posibilidade de acoller no centro unha actividade que resulta o complemento “perfecto” á formación tradicional. “Nas clases estas cuestións sempre se tocan desde un punto de vista moito máis formal”, apuntou Gómez Fraiz, quen reflexionou tamén sobre o feito de que a carencia deste tipo de formación é moi habitual e son moitos os profesionais que ao chegar a determinadas idades botan en falta terse formado nestas cuestión “de aí a importancia de cubrir este baleiro desde idades máis temperás”.

Juan José Gómez aproveitou a visita para explicar que Revoluciona tu vida pon sobre a mesa un sistema de adestramento “práctico e completo” nas habilidades e técnicas que a investigación demostrou como as máis eficaces “tanto para alcanzar o éxito profesional como simplemente para levar unha vida máis feliz”. Como exemplos prácticos do tipo de actividades que se van levar a cabo, Gómez mencionou un exercicio de autoafirmación ao final do cal o ‘alumno’ é capaz de camiñar descalzo sobre un leito de brasas incandescentes, “por suposto, unha experiencia absolutamente voluntaria, pero que che permitirá descubrir que, a maior parte das veces, as limitacións son máis mentais que físicas”.

Inscricións ata o 20 de abril

Co 20 de abril como data límite de inscrición, os interesados en coñecer os detalles desta actividade ou mesmo en realizar a reserva poden atopar toda a información na web www.juanplanes.com/desatateenvigo

O venres 27 a cita será de 15.30 a 22.50 horas e o sábado 28 de 09.30 a 20.30 horas.