DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O agregado da Embaixada de Finlandia en Madrid explicou o éxito do sistema do seu país

Ciencias da Educación aprende das experiencias máis innovadoras

Escolares do Colexio Guilleme Brown de Ourense presentaron os seus traballo de investigación

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 26/04/2012

Unha das fórmulas máis interesantes de aprendizaxe é a través do coñecemento de experiencias reais que funcionan nun determinado eido. Este xoves, o alumnado da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense tivo a ocasión de achegarse a dous exemplos de éxito moi diferentes na súa área de traballo. Taneli Hermunen, agregado da Embaixada de Finlandia en Madrid, ofreceu unha conferencia sobre o mestre como peza clave do sistema educativo finlandés, e escolares do Colexio Guilleme Brown de Ourense presentaron a súa forma de traballar na aula en base á realización de traballos de investigación.

Taneli Hermunen, titulado en Ciencias Sociais e Pedagoxía, explicou aos asistentes, entre os que estaban María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, e Mercedes Suárez, decana da Facultade de Ciencias da Educación, os motivos históricos e formativos que xustifican na súa opinión o prestixio do sistema do seu país. “As razóns históricas hai que buscalas na decisión do goberno finlandés de pór a énfase na educación para superar o baixo desenvolvemento do país tras a II Guerra Mundial e como instrumento para acabar coa división social entre esquerdas e dereitas”, dixo.

En canto ás razóns formativas, Hermunen apuntou que os estudos para exercer de docente en Finlandia sitúanse no grupo das cinco titulacións máis demandadas, entrando cada ano só un 10% dos solicitantes. Neste senso, tamén salientou que a carreira dura cinco anos e que nela se fai moito fincapé na formación científica. “Os profesores teñen moita liberdade, confianza, respecto e marxe para a creatividade”, destacou. Sobre as diferenzas entre o sistema educativo español e o finlandés, explicou que a súa impresión é que o respecto ao docente está no seu país máis acentuado, ao igual que a súa formación en educación especial e que a homoxeneización da calidade educativa entre os diferentes centros.

A lección dos máis pequenos

Mentres Taneli Hermunen presentaba o sistema educativo finlandés, noutra aula do Edificio de Ferro docentes e escolares do Colexio Guilleme Brown de Ourense deixaban moi gratamente sorprendidos aos estudantes de Ciencias da Educación pola calidade do seu traballo na área de coñecemento do medio. As profesoras do centro Ana Otero e Montse Couñago explicaron ao alumnado universitario como desde primeiro curso os rapaces do colexio ourensán aprenden a facer os seus traballos empregando a metodoloxía dunha investigación científica.

Deste xeito, os propios nenos explicaron aos estudantes da facultade como para desenvolver un traballo buscan unha idea, propoñen unha hipótese, buscan información, desenvolven experimentos para comprobar a súa hipótese de partida e redactan unhas conclusións. Como exemplo desta metodoloxía, os escolares Alejandro e Daniel, de primeiro da ESO, explicaron a súa investigación para a realización de gomas de mascar con vitaminas, un traballo que contemplou todo o proceso, desde atopar a idea ata a elaboración propiamente dos produtos con vitaminas extraídas de froitas.

“Os rapaces aprenden a traballar empregando a metodoloxía científica desde o primeiro curso e iso ten uns efectos acumulativos que se traducen en que cando chegan á Educación Secundaria teñen unhas destrezas espectaculares”, salientou o docente Pedro Membiela. Esta forma de aprendizaxe, recalcou o profesor, fixo a este centro ourensán merecedor de diferentes recoñecementos no eido educativo e divulgativo, motivo polo cal foron convidados docentes e alumnos a presentar a súa experiencia nas aulas universitarias.