DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha actividade promovida pola Comisión PEA-Unesco desta facultade

Ciencias da Educación e do Deporte conmemora o Día da Poesía unindo música e versos en diferentes idiomas

Estudantes, docentes e persoal do centro protagonizaron un recitado de poemas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Cultura
DUVI Pontevedra 19/03/2024

O Día Internacional da Poesía, que se conmemora este xoves 21, é unha das datas sinaladas na actividade da Rede de Escolas Unesco, da que forma parte da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte. De aí que a Comisión PEA-Unesco deste centro e o grupo de innovación docente MeReLing promovesen por terceiro ano consecutivo un acto conmemorativo, no que unha decena de estudantes, docentes e persoal da facultade deron lectura a poesías en diferentes idiomas, en varios dos casos con acompañamento musical.

Coordinada polos docentes Ana Acuña e Carlos Valcárcel, esta actividade levaba por título A poesía dá a nota e contou coa participación do que fóra tamén docente desta facultade ata a súa xubilación, Marco Lucato, encargado tanto das pezas musicais que puxeron apertura e peche ao acto como de acompañar ao piano varios dos participantes. “Parécenos, dende logo, moi importante abrir a poesía a todo o mundo”, sinalou Acuña, que lembrou que “a relación entre música e poesía” foi unha das cuestións abordadas por Luísa Villalta, a autora á que se lle dedica neste 2024 o Día das Letras Galegas. 

Versos en diferentes idiomas

As escollas realizadas polas persoas participantes neste recitado permitiron escoitar versos en diferentes idiomas. Entre eles, autores galegos como Celso Emilio Ferreiro, nunha peza que o estudante Raúl Mera interpretou ao piano, ou Isaac Xubín, e escritores en lingua castelá, como Ángel González. Por outra banda, a profesora de Fisioterapia Iris Machado recitou, acompañada por Lucato ao piano, uns versos do músico e poeta brasileiro Vinícius de Moraes, mentres que Gloria Pérez e Suso Castro, do Programa Universitario de Maiores, leron en francés e portugués un poema de Victor Hugo, tamén con acompañamento ao piano. Ao mesmo tempo, este acto permitiu coñecer tamén poesías escritas polo propio alumnado participante, como foi o caso de Laura Novas, Xelo Teijido, Diego Bará ou da estudante de Ciencias da Actividade Física e do Deporte Uxía Bethencourt, que deu lectura ao seu primeiro poema.