DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A facultade celebrou este venres un seminario de intercambio de experiencias neste eido

Ciencias da Educación pon en valor a investigación predoutoral

Coa participación de medio centenar de estudantes

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI Ourense 18/05/2018

A Casa da Cultura do Concello do Carballiño acolleu este venres a celebración do V Seminario de Intercambio de Experiencias en Investigación da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense. Nesta cita, case medio centenar de investigadoras e investigadores do programa de doutoramento deste centro expuxeron as liñas de investigación sobre as que están traballando na actualidade. O obxectivo da iniciativa é darlle pulo a estes traballos, posibles futuras teses de doutoramento, a través da motivación e do intercambio de coñecementos que se produce entre as e os asistentes. 

Enriquecemento mutuo

A cita, explica Xosé Manuel Cid, vicedecano da Facultade de Ciencias da Educación responsable desta iniciativa, naceu no marco da programación do programa de doutoramento co obxectivo de ofrecer un foro no que unha vez ano “analizar e debater o estado e evolución de cada un dos proxectos de investigación” do alumnado matriculado neste programa de doutoramento. Deste xeito, sinala, xurdiu unha cita “que nos dá sempre resultados moi positivos” e na que cada ano se dan de baixa as persoas que xa presentaron a súa tese, sete nestes catro últimos anos, e entran 14 novas e novos investigadores. 

Segundo explica o seu responsable, o seminario celébrase alternativamente un ano no Concello do Carballiño e outro na Facultade de Ciencias da Educación ou noutra localización. Ata o de agora, a cita no Carballiño facíase no marco do Congreso Chamoso Lamas, non sendo posible este ano porque o congreso terá lugar en setembro. “En todo caso, deste seminario sairán comunicacións para o congreso, é dalgún xeito como un pequeno adiante del”, sinala Xosé Manuel Cid. 

No encontro celebrado no Carballiño estaba prevista a presentación de medio centenar de comunicacións ao longo do día de traballo, contando ademais coa participación dunha decena de profesoras e profesores tanto da facultade ourensá como procedentes de centros lusos e que tamén participan no programa de doutoramento de Ciencias da Educación. O feito de acudir a esta actividade, sinala Cid, obriga a cada investigadora e investigador do programa a elaborar unha pequena comunicación na que sintetizar o estado actual do seu traballo e expola ante o público. Isto, indica, fai que se produza “un enriquecedor intercambio de coñecementos entre persoas que están na mesma situación” e que se incremente a motivación dos estudantes ante o reto que teñen de realizar unha tese de doutoramento. 

Diversidade temática

Cada investigación exposta neste seminario aborda un tema de investigación diferente. Algunhas delas afondan en cuestións do eido da educación e a tecnoloxía, como os recursos metodolóxicos asociados á tableta para o alumnado de Primaria ou o uso comunicativo do teléfono intelixente en menores en protección. Outras inciden en aspectos de xénero ou sexualidade, como unha investigación centrada no acoso sexual por razón de sexo no contexto universitario ou outra sobre os estereotipos de xénero e actitudes cara a diversidade sexual en alumnado de Educación Infantil. O eido social tamén está moi presente, presentándose traballos que se están a elaborar sobre cuestión como o pobo-escola de Lodoselo desde a experiencia participativa dos e das estudantes do Grao en Educación Social ou a educación social na escola.

Outras áreas de interese do alumnado de predoutoramento da Facultade de Ciencias da Educación é a diversidade, estando algúns dos proxectos presentados centrados en temas como a eficiencia da acción educativa na inclusión dos alumnos con trastorno do espectro autista, comparando a educación ordinaria e a educación especial, e a dobre excepcionalidade de ter trastorno do espectro autista e altas capacidades. Por último, tamén destacan os traballos feitos desde a óptica educativa lusa, xa que varios dos estudantes deste programa de doutoramento proceden dese país. Entre os temas que abordan neste último caso están os efectos da exposición ás novas tecnoloxías no desenvolvemento da linguaxe dos nenos e nenas e a violencia no namoramento na zona norte de Portugal. O seminario rematará coa presentación de dúas publicacións que recollen cada unha delas as comunicacións presentadas nas dúas anteriores edicións deste seminario.