DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A facultade presentou este mércores a súa oferta de posgrao para o curso 2012/2013

Ciencias Empresariais e Turismo consolida os seus mestrados

Os interesados poderán elixir entre as áreas de turismo, economía deportiva ou creación de empresas

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI 20/06/2012

Para todos aqueles que desexen realizar estudos universitarios o vindeiro curso académico é hora de ver propostas e escoller a máis axeitada para cada persoa. Para todos aqueles que queiran concretamente realizar un mestrado a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense vén de presentar a súa oferta para 2012/2013. Polo éxito demostrado este curso, o centro aposta por consolidar os tres estudos de posgrao xa existentes e que se centran nas áreas da economía deportiva, o turismo de interior e a creación de empresas.

A oferta de posgraos foi presentada este mércores por Elisa Alén, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense; Elena Rivo, directora do Máster Universitario en Creación, Dirección e Innovación na Empresa; José Antonio Fraiz, responsable do Máster Universitario en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde, e Ángel Barajas, director do Máster Universitario en Xestión Empresarial do Deporte. “Trátase dunha oferta formativa variada e sobre todo de elevada e demostrada calidade”, salientou Elisa Alén, que lembrou que o prazo de preinscrición estará aberto do 29 de xuño ao 4 de xullo, existindo a posibilidade dun segundo prazo, de quedar prazas vacantes, do 27 de agosto ao 3 de setembro.

Para emprender...

Segundo explicou Elena Rivo, “o Máster en Creación, Dirección e Innovación na Empresa ofrece formación en dous ámbitos de especialización, que son a creación e dirección de empresas, destacando a compoñente de emprendemento, e a xestión da innovación, a tecnoloxía e a calidade”. Para acadalo, contará este curso de novo cun cadro de docentes constituído por especialistas doutores da Universidade de Vigo e doutras universidades pero tamén, e de xeito especial, por profesionais de organizacións públicas e empresas privadas, que achegarán a súa experiencia en xestión de proxectos, empresas e iniciativas.

... para traballar en turismo...

O Máster en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde, o máis veterano da programación de posgrao da facultade, constitúe segundo os seus responsables unha titulación única que ten por obxectivo preparar a profesionais de alto nivel para a dirección e planificación de empresas, actividades e institucións turísticas. Trátase, segundo salientou José Antonio Fraiz, “dun mestrado moi orientado ao mercado laboral e ao sector e tamén moi activo”, como demostran o forte carácter internacional dos seus docentes, as numeras actividades que realiza o seu alumnado fóra das aulas, e as relacións coa contorna do sector que ten. Unha das novidades deste ano, explica o responsable destes estudos, é que se incentivará a modalidade semipresencial e o traballo on-line.

...ou para facer xestión deportiva

Por último, tamén se presentou o Máster en Xestión Empresarial do Deporte, “o benxamín” dos mestrados do centro, que este curso repite pois, como salientou Ángel Barajas, “a experiencia foi bastante gratificante e respondeu ás expectativas de todos”. Este posgrao está aberto aos estudantes que queiran facer do deporte o seu medio de vida, desde calquera das facetas organizativas que permite. O obxectivo final é conseguir profesionais nun sector en auxe e cada vez máis esixente desde o punto de vista da xestión, pois os servizos deportivos fanse cada vez máis variados e complexos e as demandas dos seus clientes requiren respostas cualificadas, creativas e adecuadas por parte destes profesionais, segundo apunta o director do mestrado.