DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias Empresariais e Turismo contará co financiamento do Consello Superior de Deportes nun proxecto de investigación sobre o deporte de alto nivel

O estudo realizarase dende un punto de vista económico e financeiro

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Marta Casanova DUVI 04/07/2008

O Consello Superior de Deportes financiará cuns 13.000 euros o proxecto da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, Investimento en deporte federado de alto nivel: avaliación económico- financeira e promoción dende a perspectiva fiscal. Promovido polo grupo de investigación en Deporte, Empresa e Sociedade, o proxecto foi seleccionado para recibir o apoio económico que o Ministerio de Educación concede, a través do CSD, ao abeiro do Programa de Axudas para a Investigación deste ano. Grazas a isto, a economía do deporte, unha das principais liñas de traballo da facultade, recibe un importante pulo de cara á súa consolidación, que tamén se verá reforzada coa oferta da materia de libre elección Economía e Finanzas no Deporte, que o centro comezará a impartir, de xeito pioneiro na Universidade de Vigo, a partir do vindeiro curso.

Metodoloxía do proxecto

Aínda que o deporte de alto nivel será o eixo central do proxecto, este levarase a cabo abordando dúas vertentes diferenciadas que deberán obter resultados antes de que remate o ano, data límite para presentar as conclusións ao CSD. “Por un lado, realizaremos unha avaliación do investimento en deporte federado de alto nivel” explicou o profesor Patricio Sánchez, un dos investigadores do grupo. Ao mesmo tempo “traballaremos na procura dunha análise dos efectos da fiscalidade no financiamento destes deportistas” engadiu.
Para conseguir o primeiro obxectivo, “cómpre construír indicadores específicos para a análise das realizacións, resultados e impactos das intervencións públicas no ámbito deportivo” comentou Sánchez. De xeito concreto, o estudo centrarase nas axudas que recibe o deporte federado de alto nivel, facendo un estudo comparativo coa situación noutros países europeos. Doutra banda, a realización do segundo propósito deste traballo supón a avaliación, dende unha perspectiva económica, “da incidencia dun amplo abano de propostas para mellorar a fiscalidade do deporte de alta competición, co fin de promover de xeito público e privado este tipo de actividades” explicou o investigador.

O grupo de investigación

O grupo de investigación Deporte, Empresa e Sociedade, dirixido polo ex decano da facultade José Antonio Fraiz, conta entre os seus méritos coa realización dun dos cursos de extensión con máis éxito da Universidade, que cada ano supera o número de participantes grazas ao seu elenco de expertos deportivos e empresariais de referencia en todo o país. Na mesma liña, o grupo foi o impulsor da materia de libre elección Economía, Deporte e Finazas que o vindeiro curso ofertará 50 prazas a todo o alumnado da Universidade de Vigo, “para achegar o alumnado a un eido con crecente interese, sobre todo en época de grandes éxitos deportivos, visto dende unha perspectiva marcadamente económica” explicou Sánchez.
Asemade, os membros do equipo son investigadores fundadores do recentemente constituído Observatorio Económico del Deporte promovido polo propio Consello Superior de Deportes, e participarán este ano nun estudo sobre o impacto da celebración do Campionato Mundial de hóckey en Asturias.