DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado da facultade deseña unha campaña para promocionar os seus perfís en redes sociais

En Ciencias Sociais e da Comunicación pasan de murmurios

Con esta iniciativa búscase que os estudantes usen os espazos corporativos como fonte de consulta

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 13/12/2012

Os rumores sobre profesores sempre se propagaron moi ben entre o alumnado. O gabinete de Relacións Públicas e Protocolo da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación inspirouse nesta realidade para deseñar unha estratexia publicitaria coa que posicionar a facultade nas redes sociais. O gabinete, formado por alumnado do centro e dirixido polo profesor Xosé Baamonde, desenvolveu unha campaña audiovisual na que se empregou a imaxe de varios docentes “para atraer a atención dos estudantes e animalos a informarse do que sucede na facultade visitando a súa páxina web e os seus perfís en Facebook e Twitter”, explica a alumna Cristina Lainez, unha das responsables creativas da campaña.

Con esta campaña, a dirección do centro busca que o seu alumnado tome como referencia as fontes oficiais para informarse sobre todos os eventos e actividades que sucedan na facultade, ademais de crear unha comunidade virtual na que poder debater temas de interese común. “Queremos que todos estes espazos online sexan un lugar no que atopar todo o que acontece no centro e tamén no que os estudantes se relacionen e coñezan temas de actualidade”, puntualiza Baamonde, coordinador desta iniciativa. A finalidade é que o alumnado perciba as redes sociais e a web corporativa da facultade como un sitio propio “no que informarse pero sobre todo no que interactuar e participar”, recalca o profesor que se refire ás ferramentas dixitais como o recurso idóneo para lograr un maior compromiso por parte dos estudantes “pois non hai que esquecer que todos formamos parte desta comunidade”, e para dar unha maior visibilidade á formación e aos servizos que ofrece Ciencias Sociais e da Comunicación.

Feito por estudantes para estudantes

Oito alumnas dos últimos cursos do Grao en Publicidade e Relacións Públicas son as que conforman este gabinete de Relacións Públicas e Protocolo, que se ocupa da xestión integral da comunicación do centro. Desta volta, o seu cometido foi motivar aos seus compañeiros e compañeiras de pupitre a entrar nas redes sociais da facultade desenvolvendo unha estratexia publicitaria “que non só se limitase a informar senón que chamase a atención e a mellor forma que se nos ocorreu foi recorrer á imaxe dos profesores”, apunta Cristina Lainez. O resultado, cinco montaxes audiovisuais protagonizadas cada unha polos docentes Paulino Pérez, Mabel Míguez, Constantino Cordal, Alberto Dafonte e Xosé Baamonde dos que se conta un rumor que se combate visitando as fontes oficias de comunicación. A campaña, posta en marcha hai unha semana, está logrando o seu cometido de incrementar o número de visitas diarias ao perfil de Facebook e de seguidores no de Twitter.

Ademais da súa función comunicativa, esta estratexia de promoción está resultando “toda unha experiencia” para estas oito estudantes de Publicidade e Relacións Públicas. “O feito de facer unha campaña real máis aló dos traballos e proxectos de cada materia, motívate e móstrache que as túas ideas si poden funcionar nun contexto real e que non se quedan nunha nota”, subliña Lainez que agradece ao profesorado a confianza depositada. “Que a facultade aposte así polo seu propio alumnado supón toda unha oportunidade para seguir aprendendo e formándonos aparte dos créditos que cada titulación esixe”.