DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O prazo de presentación dos traballos finalizará o día 14 de abril

Ciencias Xurídicas e do Traballo lanza a segunda edición do Premio de investigación xurídica en lingua galega Xosé Luis Franco

Poden concorrer estudantes de grao e mestrado de calquera universidade do estado

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Premios
  • Académica
M. Del Río DUVI 08/02/2023

A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo abre o prazo para participar na segunda edición do Premio de investigación xurídica en lingua galega Xosé Luis Franco. Este galardón posto en marcha polo centro o curso pasado a través da Coordinación de normalización e política lingüística, ten como obxectivo fornecer o proceso de dinamización lingüística da Universidade de Vigo e fomentar o emprego da lingua nos traballos de investigación xurídica entre o estudantado de grao e mestrado.

Esta distinción serve tamén para render homenaxe ao xurista e escritor Xosé Luis Franco Grande, que foi o persoeiro elixido por votación popular para bautizar estes premios entre outros persoeiros vencellados ao dereito e ás letras.

De igual modo que na pasada edición, a convocatoria comprende dúas modalidades, unha para o estudantado de calquera grao ou mestrado matriculados no sistema universitario de Galicia e do Estado e outra para o estudantado da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, nos graos en Dereito, PCEO Ade-Dereito e Relacións Laborais e Recursos Humanos, e nos mestrados en Avogacía, Menores en situación de desprotección e conflito e Dirección e Xestión Laboral. En calquera caso, as persoas participantes deben estar matriculadas nos cursos 2020/2021, 2021/2022 ou 2022/2023. 

Os premios estarán dotados con 400 euros para cada modalidade e un diploma acreditativo e o prazo de presentación dos traballos finalizará o día 14 de abril de 2023. 

Satisfacción pola acollida da primeira edición

O balance da primeira edición deste certame, que se celebrou o pasado curso, foi para os organizadores moi positivo. Como explica o coordinador de Normalización Lingüística do centro, Xosé Manuel Pacho, “estamos moi contentos coa acollida, posto que se presentaron traballos moi interesantes de temáticas moi diversas e en lingua galega, poñendo de manifesto que a excelencia e os ámbitos técnico-xurídicos son un espazo perfecto para a nosa lingua”. Ademais, destaca o “nivel dos traballos, que abranguen temáticas tan diversas como o dereito de marcas, o dereito laboral e da seguridade social, o dereito internacional, o dereito civil, administrativo, mercantil, constitucional, entre outros” e tamén a “calidade e corrección lingüística, así como a metodoloxía e o rigor técnico empregados”.

Finalmente, o xurado decidiu premiar, na modalidade A, a Claudia Galego, alumna da Universidade de Santiago de Compostela, por unha investigación sobre o proceso de descolonización do Sáhara occidental dende o dereito internacional. Na modalidade B, para alumnado da UVigo, decidiuse entregar dous galardóns ex aequo a Saúl Gómez, polo seu traballo fin de mestrado sobre a lei Orgánica 3/2021 de regulación da eutanasia e a Erín Míllara, polo seu traballo fin de grao sobre o dereito á educación nunha lingua cooficial no estado español. 

Requisitos dos traballos 

O alumnado interesado en participar nesta nova edición poderá presentar traballos sempre e cando estes sexan orixinais e estean redactados en lingua galega. Os textos poderán abordar calquera tema relacionado co ámbito do xurídico nas súas diferentes formas e deberán ser individuais e presentaranse en formato pdf, cunha extensión de entre 20 e 40 páxinas escritas en letra 12 Times New Roman ou similar, interliñado sinxelo, e cos requisitos propios dun traballo de investigación. 

O envío das propostas deberá facerse a través do correo electrónico decanatoxuridicas@uvigo.gal indicando no asunto: Premio de investigación xurídica en lingua galega e incluíndo dous arquivos, un co traballo de investigación e outro cos datos persoais.

O xurado que se encargará da valoración dos traballos recibidos estará integrado polo decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, Francisco Torres, que o presidirá, polo coordinador de normalización lingüística da facultade que actuará como secretario, e por un máximo de tres membros do persoal do centro. A valoración dos traballos atenderá á calidade investigadora, ao interese do tema a tratar, ao enfoque empregado e á corrección lingüística do mesmo. O xurado poderá declarar deserto calquera das modalidades do premio se os traballos presentados non alcanzan a calidade necesaria nos indicadores sinalados anteriormente. 

As e os gañadores daranse a coñecer coincidindo coa celebración do Día das letras galegas ao longo do mes de maio de 2023 e o acto de entrega dos premios terá lugar nun acto académico da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo.