DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acadou 19 representantes na Xunta de Persoal e nos Comités de Empresa de Pontevedra e Ourense

A CIG volve ser a forza máis votada polo persoal docente e investigador  

UGT sitúase como segunda, con 17 representantes; seguida de CCOO con 13 e Asociados UVigo con 6

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
M. Del Río DUVI 10/05/2023

Tras as eleccións celebradas onte martes, a Confederación Intersindical Galega, CIG, continuará sendo a forza maioritaria entre o persoal docente e investigador da Universidade de Vigo durante os próximos catro anos. O sindicato nacionalista acadou un total de 19 representantes: oito na Xunta de PDI; outros seis no Comité de Empresa de Pontevedra e cinco no Comité de Empresa de Ourense. A segunda forza máis votada foi UGT, que acadou 17 representantes, oito na Xunta de Persoal, catro no Comité de Empresa de Pontevedra e cinco no Comité de Empresa de Ourense. Pola súa banda, CCOO logrou 13 representantes, dos cales cinco formarán parte da Xunta de PDI, outros cinco no Comité de Empresa de Pontevedra e tres no Comité de Empresa de Ourense. Ademais, Asociados UVigo acadou seis representantes no Comité de Empresa de Pontevedra, converténdose na forza máis representada neste órgano, xunto coa CIG. 

En total, elixíronse 55 representantes entre os tres órganos, oito máis que nas eleccións celebradas hai catro anos, en 2019, nas que a CIG foi tamén a forza máis votada, acadando 13 representantes do 47 que era preciso elixir.

Os resultados feitos públicos este mércores son aínda provisionais, a falta de que mañá xoves se fagan definitivos se non se presentan reclamacións.

Xunta de PDI

Atendendo a estes resultados, a Xunta de PDI, conformada por 21 persoas, contará con oito representantes da CIG (Aquilino Santiago Alonso Núñez, María Montero Muñoz, Xosé Antón Vila Sobrino, Luis Eulogio Anido Rifón, Marta María Pazos Curras, Luis Lugo Latas, Álvaro Xosé López Mira e Ana Luna Alonso); oito de FETE-UGT (Begoña González De Prado, Arturo Parada Diéguez, Manuela Raposo Rivas, José Bienvenido Diez Ferrer, Gil Garrote Velasco, María Esther Martínez Figueira, José Ramón Méndez Reboredo e Miguel González Loureiro) e cinco de CCOO (Rafael Durán Barbosa, María Carmen Luna Sellés, Castor Muñoz Sobrino, Lilian Rosana Ferreira Faro e Aida García Molares).

Comité de Empresa de Pontevedra

Pola súa banda, o comité de empresa de Pontevedra, conformado por 21 membros, estará integrado por seis representantes de Asociados UVigo (Emmanuel Claude Bourgoin Vergondy, Ramón Méndez González, Silvia Pérez Freire, Sara María Torres Outón, María Covadonga Barreiro Rodríguez-Moldes e Xoán Manuel Garrido Vilariño); seis da CIG (José Ignacio Iglesias Prado, Iris Machado De Oliveira, Gema Álvarez Llorente, María Asunción Lorenzo Rial, Robert Neal Baxter e Miguel Cuevas Alonso); cinco de CCOO (Vicente Romo Pérez, Javier Lorenzo Paniagua, Pedro González Santamaría, Alberto Figueira Rodríguez, Koldo Martín Sevillano) e catro de UGT (Ana María Cao Paz, Elena Gómez Costas, Nicolás Ramos Berdullas e Sergio Gómez Graña).

Comité de Empresa de Ourense

Mentres, o comité de empresa de Ourense, que conforman 13 representantes, estará integrado por cinco membros da CIG (Jesús Deibe Fernández Simo, María Mercedes González Vázquez, Constantino Cordal Rodríguez, Millán Brea Castro e Lidia Blanco Cerradelo); cinco de UGT (Hugo López Fernández, Miguel Ramón Díaz Cacho Medina, María Ainoa Zabalza Cerdeiriña, Clara Fuciños González e Antonio Cid Samamed) e tres de CCOO (Alberto José Barreira Arias, Patricia Reboredo Rodríguez e José Luis Martínez Orge).