DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Comprende tanques con grandes volumes de auga que reproducen as condicións do medio natural

O CIM abre as portas do mesocosmos, unha infraestrutura de investigación única en España

Non existe no mundo ningunha instalación deste tipo situada nunha zona de afloramento como as rías

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
M. Del Río DUVI 06/07/2023

O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) abriu este xoves por primeira vez as portas do seu mesocosmos á sociedade nun acto de presentación desta instalación aos medios de comunicación. Situado nas inmediacións da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat), esta infraestrutura de investigación consiste en instalacións de grandes volumes de auga con condicións próximas ás do medio natural, nas que os factores ambientais poden ser manipulados de maneira realista e monitorizados. Por tanto, os mesocosmos constitúen unha das ferramentas experimentais máis potentes do mundo, tanto fronte aos estudos in situ, nos que non se poden manipular as condicións ambientais e monitorizalas, como fronte aos estudos en laboratorio, onde o feito de traballar con volumes pequenos afástaos das condicións naturais.

O mesocosmos do CIM-UVigo é o primeiro que se constrúe en España e un dos poucos que existen en Europa. Ademais ten a particularidade de situarse nun sistema de afloramento, como son as rías, no que o vento do norte fai que afloren augas profundas, frías e moi ricas en nutrientes, convertendo a zona nun dos ecosistemas máis produtivos do mundo. Todas estas características convérteno nunha instalación única e estratéxica para completar os estudos dos distintos escenarios existentes desde o punto de vista da ecoloxía mariña. 

Unha importante achega para a internacionalización

Como explicaba esta mañá o director do Centro de Investigación Mariña da UVigo, Daniel Rey, “esta é unha das instalacións estrela da Ecimat” e contar con ela será básico “para converter o CIM nun centro de referencia internacional”. O custe desta nova instalación foi de medio millón de euros, pero como engadía Rey, “xa reportou beneficios na captación de recursos superiores a esta cantidade e tamén nos serve como instrumento para atraer talento e facer colaboracións internacionais”.

Pola súa banda, o director da Ecimat, José Manuel García, destacou que esta nova infraestrutura é boa mostra da aposta “da Universidade de Vigo pola ciencia mariña, xa que ademais do custo da creación, implica uns importantes gastos anuais en mantemento e un alto nivel de especialización do persoal”. 

Deste xeito, e xunto co buque oceanográfico que xa está en construción, o mesocosmos axudará a reforzar a importancia internacional do CIM, fortalecendo a posición de Vigo, e de Galicia en xeral, na investigación oceanográfica costeira e, deste xeito, poderase abordar con maior garantía e competencia algúns dos desafíos sociais máis críticos relacionados co cambio climático e ambiental, a pesca, a biodiversidade ou a xestión de riscos.

Parte da rede europea AQUACOSM-plus

Construído en 2020, durante os anos seguintes realizouse a posta a punto das instalacións e comezaron os primeiros experimentos en proba. Na actualidade o mesocosmos xa se ten convertido nunha referencia para persoal investigador de ámbito internacional que acode a esta localización para realizar os seus experimentos. Ademais, engadía García, “estas instalacións forman parte da rede europea de mesocosmos a través do proxecto AQUACOSM-plus”. A través deste consorcio, no ano 2022 atraeuse a 13 investigadoras e investigadores de Estados Unidos, Milán, Gotemburg ou Pavia para colaborar nos experimentos levados a cabo polo persoal investigador do CIM. Igualmente, durante este ano 2023 continuarán estas colaboracións, con tres novos experimentos de colaboración internacional confirmados ata a data con persoal do CNRS-Montpellier, Grecia, Romanía e Portugal.

Vantaxes da experimentación en mesocosmos

O técnico de Oceanografía Jose González foi o encargado de explicar as características e funcionalidades destas instalacións e subliñou que a experimentación en mecosocosmos está a medio camiño entre os estudos realizados en ecosistemas como ríos, lagos, estuarios e océanos e os que se fan a pequena escala en laboratorio. Como explicaba o técnico de Oceanografía Jose González, as vantaxes de realizar estudos en mesocosmos fronte aos estudos en laboratorio residen na posibilidade de manipular e monitorizar as condicións ambientais (desde temperatura a salinidade); de estudar os efectos da adición de sustancias (desde nutrientes a contaminantes) e de utilizar simultaneamente réplicas e diferentes gradientes das condicións a estudar. 

Este tipo de instalacións empréganse para estudar o funcionamento de comunidades mariñas, os efectos de contaminantes e tamén nos últimos anos, grazas á rede AQUACOSM-plus, “para realizar un mesmo experimento pero en diferentes ambientes mariños”. Como explicaba o técnico, ata o momento realizáronse experimentos sobre alcalinización oceánica, “unha medida que se está propoñendo para contrarrestar a acidificación”; sobre o incremento da temperatura e o seu efecto na comunidade bentónica; sobre microplásticos e fertilización de ourixo e holoturia. Tamén esta previsto comezar nos próximos días un experimento para estudar distintos mecanismos de biorremediación para as mareas vermellas. Esta experimento debería levar xa semanas en marcha, como indicaba González, pero as anomalías da temperatura do mar ao longo deste verán foron retrasando o seu inicio.

Instalacións e persoal altamente especializado

O persoal científico e técnico que traballa no mesocosmos ten, como explicaba Jose González, unha especialización moi alta. “Moitos de nós levamos 20 anos traballando en mesocosmos con distintas aproximacións, primeiro con plataformas flotantes e estruturas temporais ata que agora se puido construír esta instalación”. Polo tanto, o grao de especialización dos investigadores do CIM neste eido non se ten noutras infraestruturas nas que traballa neste campo de xeito ocasional. Polo tanto, dende o CIM agarda que esta sexa un instalación de referencia en Europa que atraia, a través das redes ás que pertence o centro, a investigadores e investigadoras internacionais. 

O mesocosmos comprende dúas zonas, unha interior e outra exterior. Na interior atópase unha sala isotérmica diáfana de 40m2 con control de temperatura, unha cámara para almacenamento de produtos conxelados a diferentes temperaturas, zonas de almacenamento e para maquinaria e un laboratorio de mesocosmos. Na parte exterior está situada a zona especifica de mesocosmos composta por unha trintena de tanques para a experimentación en micro e mesocosmos, con monitorización en tempo real das variables meteorolóxicas (temperatura, humidade relativa, vento, precipitacións) e radiación global, PAR, UVA e UVB.