DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do proxecto European Blue Biobank, EBB

O CIM organiza un obradoiro sobre criopreservación de recursos xenéticos mariños

É unha técnica de conservación de materiais biolóxicos a baixa temperatura por períodos prolongados

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • HRS4R
  • Investigación
DUVI 21/06/2023

No marco do proxecto European Blue Biobank (EBB), o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo,CIM-UVigo, líder do mesmo, organizou para hoxe mércores un obradoiro sobre crioperservación de recursos xenéticos mariños, técnica de conservación a baixa temperatura de materiais biolóxicos como espermatozoides, óvulos, embrións, etc. Desta forma, preténdese ofrecer formación tanto en liña como en persoa sobre unha técnica na que o CIM é coñecido internacionalmente como autoridade de coñecemento. Ao longo das diferentes sesións afóndase  na importancia dos biobancos, explícanse diversas cuestións relativas ao proceso de toma de mostras, resólvense dúbidas sobre como se realizan estas técnicas, compártense protocolos, amósase o equipamento que se emprega para estes traballos e haberá tempo tamén para realizar exercicios prácticos nas instalacións da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, Ecimat, que pertence ao CIM.   

A investigadora do CIM, Estefanía Paredes, responsable da formación,  destaca que “durante o desenvolvemento do proxecto EBB confirmamos a grande importancia que ten o paso da información e os protocolos durante sesións de formación e transferencia de coñecemento presencial”. Isto, segundo a súa visión, é especialmente importante en técnicas aínda bastante descoñecidas como a criopreservación.

Esta iniciativa forma parte do relanzamento do proxecto EBB, que conta cun financiamento de máis de 330.000 euros, co obxectivo de mellorar a coordinación transnacional dos principais biobancos e colección de cultivos mariños europeos a través da capitalización dos resultados obtidos na primeira etapa, que comezou en 2017, sendo o primeiro proxecto financiado pola convocatoria Interreg Atlantic Area liderado pola Universidade de Vigo.

Que é a criobioloxía?

Dentro do ámbito da criobioloxía inclúense tanto os estudos de sistemas sometidos a calquera temperatura entre 0 °C e o cero absoluto (-273,15ºC) como aqueles que se atopan por debaixo do seu rango fisiolóxico, dende a hipotermia moderada ata condicións de hibernación. 

En criobioloxía realízanse estudos básicos de procesos biolóxicos ou fisicoquímicos asociados ás baixas temperaturas que contribúen á xeración de coñecemento, así como o desenvolvemento de aplicacións prácticas que contribúen ao avance da I+D+i. Ademais, existen técnicas criobiolóxicas como a criopreservación, que son moi empregadas para a conservación de diversos materiais biolóxicos como espermatozoides, óvulos, embrións, sementes, esporas, bacterias, proteínas, etc. por períodos de tempo moi prolongados.