DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No encontro final do proxecto European Blue Biobank (EBB)

O CIM reúne as dúas principais infraestruturas europeas de recursos biolóxicos en Porto

Analizan os resultados obtidos dende a posta en marcha desta iniciativa en 2017

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Internacional
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 04/07/2023

O relanzamento do proxecto Interreg European Blue Biobank (EBB), liderado polo Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM), entra na súa fase final coa celebración esta semana do encontro de peche en Porto. Neste evento, que arrancou hoxe martes, participan representantes das dúas principais infraestruturas europeas de recursos biolóxicos: European Marine Biological Resource Centre (EMBRC-ERIC) e Microbial Resource Research Infrastructure (MIRRI-ERIC) xunto cos membros do consorcio. Esta é unha oportunidade única para analizar os principais resultados do proxecto; estudar posibles colaboracións e sinerxías entre ambas entidades; implementar as melloras indicadas polo protocolo de Nagoya e a normativa de Access & Benefit Sharing (ABS) respecto dos servizos e ferramentas de biobancos; e avanzar na promoción das principais ferramentas de xestión resultantes do EBB. Concretamente, as e os participantes están a traballar sobre a base de datos EBB TRACE, un catálogo de recursos biolóxicos mariños, e a ferramenta EBB TRACK, un instrumento para a prestación de macroorganismos na subministración do servizo de recollidas de cultivos para a xestión dos biobancos. 

Mañá mércores terá lugar un obradoiro no que científicas e científicos de ámbito internacional poderán coñecer o proxecto EBB e os avances alcanzados polo mesmo, ademais de participar nun debate sobre a relevancia do papel dos centros de recursos biolóxicos no marco da normativa Access and Benefit Sharing (ABS). Para isto, ademais da asistencia presencial, o taller será retransmitido en directo (YouTube e Vimeo) converténdose así nunha fiestra aberta á comunidade científica internacional.

O investigador principal do proxecto e director da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat) do CIM, José Manuel García, destaca que este encontro “é fundamental para poñer en común cos principais consorcios de infraestruturas europeas de recursos biolóxicos o traballo realizado ata o momento” e que supón “un novo compromiso do CIM coa excelencia no ámbito nacional e europeo como socio da infraestrutura europea EMBRC”. Igualmente, sinalou que “o obradoiro é unha oportunidade única para que aquelas persoas que traballan con biobancos en todo o mundo coñezan os avances realizados ata o momento na xestión dos mesmos, o que supón una aposta pola transferencia de coñecemento e pola colaboración internacional co fin de mellorar de cara o  futuro”.  

Dous consorcios paneuropeos

No encontro de hoxe participan representantes das dúas principais infraestruturas europeas de recursos biolóxicos. Por unha banda, o EMBRC-ERIC, unha rede de infraestruturas de investigación pan-europea que ten como obxectivo poñer a disposición da comunidade científica internacional e das entidades da economía azul o acceso aos recursos biolóxicos e ecosistemas mariños de Europa. Na actualidade dá acceso a servizos e plataformas tecnolóxicas en 70 estacións mariñas e institutos  distribuídos en nove países europeos.  A Universidade de Vigo, a través da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla do CIM, é un dos tres representantes españois neste nodo.

Por outra banda está o MIRRI-ERIC, a infraestrutura de investigación paneuropea para a conservación, investigación sistemática, subministro e valorización dos recursos microbianos e a biodiversidade. Reúne a máis de 50 centros de dominio microbiano, coleccións de cultivo e institutos de investigación de dez países europeos.

Seis anos de traballo

O proxecto EBB, que se iniciou en 2017 liderado polo CIM, é a primeira iniciativa mundial de coordinación transnacional de biobancos mariños e responde a unha demanda da comunidade científica que, para desenvolver o seu traballo, precisa recoller mostras en todo o mundo ou ben solicitar préstamos de museos, universidades ou estacións mariñas. Este proceso pode resultar complexo, xa que cada país ten as súas propias regras e normativas, polo que se fai necesario desenvolver novas tecnoloxías e protocolos comúns para o mantemento ex-situ, é dicir, fóra dos seus ambientes naturais, de recursos biolóxicos mariños e de harmonizar os xa existentes, para que os diferentes biobancos traballen de maneira coordinada baixo o selo de Centro Europeo de Recursos Biolóxicos Mariños.

O relanzamento do proxecto EBB contou cun financiamento de máis de 330.000 euros e tiña por obxectivo mellorar a coordinación transnacional dos principais biobancos e colección de cultivos mariños europeos. Durante os meses de traballo, representantes de estacións mariñas e clústeres empresariais de España, Portugal, Francia, Irlanda e Noruega lograron a  creación dunha base de datos, un catálogo en liña para a busca de recursos biolóxicos mariños, unha ferramenta para xestionar os datos de mostraxes, un manual de boas prácticas e unha guía de cumprimento da lexislación de Access and Benefit Sharing (ABS).