DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa celebración dunha xornada o 26 de outubro no edificio Miralles

O CINBIO aposta polo fomento do emprendemento con perspectiva de xénero

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Igualdade
  • Investigación
  • Investigación
DUVI 16/10/2023

Co triplo obxectivo de promover a cultura innovadora e o empredemento no ámbito universitario; fomentar a igualdade de xénero e os valores igualitarios en modelos de emprendemento e transferencia de tecnoloxía e proporcionar información sobre financiamento e recursos en materia de innovación, o CINBIO celebrará o vindeiro 26 de outubro a xornada Emprendemento con perspectiva de xénero

Dirixida á comunidade universitaria e aberta ao público en xeral, previa inscrición ata o 20 de outubro, a xornada pretende, da man de diferentes axentes do ecosistema innovador galego, reflexionar sobre a necesidade de contar con ecosistemas innovadores máis inclusivos e diversos, para lograr así unha representación equilibrada de xénero na ciencia e na transferencia de tecnoloxía, onde todos os axentes que participen nel poidan contribuír plenamente e beneficiarse dos seus resultados. E é que recentes estudos, como Indicadores de género en el emprendimiento de I + D + i, realizado polo Instituto de las Mujeres e a USC, ao abeiro do proxecto Innovatia 8.3, confirma que só o 16% de proxectos de investigación están dirixidos por mulleres, que unicamente representan o 29,44% do persoal investigador. No que respecta á creación de spin off, a taxa feminina sitúase nun 1,23% do persoal investigador con iniciativas de emprendemento.

A xornada polo miúdo

A sesión, que se desenvolverá entre as 9.00 e as 15.00 horas na sala I do edificio Miralles do campus de Vigo, comezará cunha presentación a cargo de Diana Valverde, subdirectora do CINBIO, que dará paso ás relatoras que abordarán cuestións como a xeración e promoción do emprendemento, os novos modelos empresariais ou os casos de éxito de emprendedoras.  

A actividade, recoñecida con créditos ECTS para o alumnado da Universidade de Vigo é  gratuíta e desenvolverase no marco das axudas para a organización de actividades que contribúen á sensibilización en materia de xénero e á transmisión de valores igualitarios impulsadas pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo.