DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Julia Carballo salienta como vivir no estranxeiro serve para “poñerlles as pilas” aos estudantes

Cinco anos asesorando ao alumnado de intercambio de Ciencias

A chegada de 18 brasileiros co programa Ciencias Sen Fronteiras muda a faciana internacional do cent

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 11/10/2012

En cada facultade da Universidade de Vigo hai unha persoa responsable de relacións internacionais que, entre outras cuestións, orienta academicamente ao alumnado que o centro envía ou recibe do estranxeiro. Na Facultade de Ciencias do campus de Ourense este posto ocúpao desde 2007 a profesora Julia Carballo. Durante estes anos viu a xeracións de estudantes sentarse timidamente no seu despacho e volver ao remate da súa estadía coa confianza que dá a experiencia de vivir no estranxeiro. Este curso asistiu ademais á espectacular entrada de estudantes brasileiros procedentes do programa Ciencias Sen Fronteiras.

“O meu traballo consiste fundamentalmente en asesoralos academicamente, complementando o apoio administrativo que lles dá a Oficina de Relacións Internacionais, que en Ourense funciona moi ben”, explica Carballo. Antes da chegada ao campus do alumnado estranxeiro ou da saída do propio, ela é a persoa encargada de orientalos en que materias escoller na facultade de destino segundo as necesidades de cada persoa. Unha vez no centro correspondente, no caso do alumnado que se vai, e unha vez na Facultade de Ciencias, no caso do alumnado que chega, atende as súas necesidades académicas e lémbralles a necesidade de matricularse e de cumprir o contrato de estudos que asinan e que lles garante a validez das materiais cursadas.

Brasil e Turquía

Este cuadrimestre a Facultade de Ciencias é o centro ourensán con máis estranxeiros, recibindo 18 estudantes brasileiros que veñen para quedarse todo o curso e catro rapazas turcas. “Este ano temos dous grupos moi diferentes. Os brasileiros están integrándose moi ben, pola proximidade do idioma e da cultura e porque case todos falan castelán fluidamente. As rapazas turcas teñen máis problemas coa adaptación cultural e a lingua pero tamén están integrándose”, destaca a docente, que explica que a colaboración con universidades turcas xa se remonta a 2004. Pola contra, explica, o protagonismo por primeira vez de Brasil foi a gran sorpresa deste curso, pois aínda que antes de irse de vacacións sabían da súa incorporación ao centro non agardaban unha resposta tan boa.

Aínda que procedentes de só dous países, Julia Carballo destaca que o grupo de alumnos de intercambio é moi diverso pero “comparten unha inquedanza común, realizar o que eles chaman “acompañar” a un profesor”. O alumnado estranxeiro, apunta, está moi interesados en coñecer de man dos docentes o traballo que se realiza nos laboratorios e as investigacións existentes. “Teñen moita curiosidade en saber como se fan as cousas en Europa, tanto na Universidade coma nas propias empresas do sector”, comenta a docente. En contra de tópicos, salienta que ao estudantes estranxeiros “tratámolos como se fosen os nosos propios alumnos e están sometidos ás mesmas regras” e neste caso destacan polas súas gañas de aprender e pola súa curiosidade.

Unha experiencia que muda ás persoas

“Unha das cousas que máis me gusta do meu traballo é como antes de irse ao estranxeiro ou de vir del, están cohibidos e retraídos, e logo volven con confianza e seguridade, abren aos ollos ao mundo e póñense as pilas en moitos aspectos. Para eles é unha experiencia marabillosa de aprendizaxe académica e vital”, advirte Julia Carballo. Para ela persoalmente, destaca tamén é “unha experiencia moi positiva, porque me permite practicar e aprender idiomas e estar en contacto con xente nova e diferente”.

Neste período exercendo de responsable de relacións internacionais de Ciencias, son moitas as anécdotas acumuladas, desde a alumna brasileira que acabou aprendendo flamenco en Ourense porque a tradición cultural galega non ía tirar abaixo o seu soño ata o dunha estudante que, cando se lle explicou as excursións que farían para coñecer a contorna, preguntou se entre elas estaba visitar Eivisa. “Veñen a Ourense pero para eles vir aquí tamén é un visado para ver España e Europa”, subliña Julia Carballo.