DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves estiveron nas facultades de Bioloxía e Ciencias do Mar

Cinco novas ‘axentes do cambio’ para difundir a Axenda 2030 e os ODS entre a comunidade universitaria

O vindeiro mércores desprazaranse ás facultade de Comunicación e Xestión Pública, en Pontevedra

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cooperación
  • Medio Ambiente
  • Cultura
DUVI 04/04/2024

Tras varios meses de formación, a Universidade conta cun novo grupo de ‘axentes do cambio’, cinco novas activistas e divulgadoras da Axenda 2030 e os Obxectivos do Desenvolvemento Sostible entre a comunidade universitaria. Este xoves arrancaron ‘xira’ no campus de Vigo e elixiron para facelo as facultades de Bioloxía e Ciencias do Mar.

Con idades entre os 19 e os 26 anos, son un equipo moi multidisciplinar, no que se mesturan estudantes de grao, mestrado e doutoramento de diferentes ámbitos de coñecemento. Xiana Villaverde, Clara Mendoza e Bárbara Calvo estudan no campus de Vigo  -Xiana na Facultade de Filoloxía e Tradución e Clara e Bárbara en Ciencias do Mar-, mentres que Marta Vila e Paloma Couto son alumnas do campus de Ourense -Marta da Facultade de Educación e Traballo Social e Paloma de Dereito-.

Este grupo de voluntarias propias da Universidade da Vigo teñen como principal misión difundir a Axenda 2030 entre a comunidade universitaria, especialmente o alumnado, tanto de forma presencial como virtual. Nas accións presencias, como as que tiveron lugar este xoves en Vigo, colócanse mesas informativas con diferente material nas que as voluntarias tratan de concienciar e informar ás súas compañeiras e compañeiros sobre a importancia de mudar os  hábitos cara outros máis sostibles cos que contribuír á consecución dos 17 ODS.

A xira polos tres campus continuará o vindeiro mércores 10 de abril no campus de Pontevedra, de 10.30 a 13.30 horas nas facultades de Comunicación e Xestión Pública.