DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Filoloxía e Tradución acolle a estrea do documental 'Digna Rabia'

Cinco séculos máis para acadar a igualdade efectiva de xénero

Recolle as vivencias de tres xeracións de mulleres que loitaron polos dereitos das mulleres

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 21/03/2011
Investigadores e expertos auguran que fan falla cinco séculos máis para acadar a igualdade efectiva de xénero. E isto tras outros tantos centos de anos de loita feminina pola igualdade de dereitos ás costas. O documental Digna Rabia recolle os esforzos, o traballo, “a sangue, o suor e as bágoas”, en palabras de Lidia Senra, de tres xeracións de mulleres que transportaron esas demandas dende a Guerra Civil ata a actualidade.

A cinta, estreada este luns na Facultade de Filoloxía e Tradución, é froito do exhaustivo traballo dos profesores deste centro Ángel Rodríguez Gallardo e Mª Victoria Martins en colaboración coa Asociación da Memoria Histórica do 36 de Ponteareas. En algo máis dunha hora repasa 70 anos de loita feminina que conflúe finalmente na loita feminista a través de 27 testemuñas directas, públicas e anónimas, que sufriron o machismo do franquismo ao longo da súa vida. Elas, artífices dos moitos avances no campo da igualdade, conclúen que aínda queda moito camiño por percorrer. Labregas, mariscadoras, republicanas represariadas, amas de casa, extraperlistas, investigadoras, profesoras... son unha chea de exemplos de como o ideario falanxista sobre a muller as foi relegando a un espazo privado no que ser esposas, nais e amas de casa. Pero tamén de como deixaron ese rol atrás.

Momentos de involución

Da súa conciencia feminina xurdiu anos despois o movemento feminista, que hoxe en día alerta dunha posible involución. Así o explicaron no coloquio posterior á proxección a sindicalista Lidia Senra e a ex funcionaria de Extensión Agraria e Medalla Castelao, Pencha Santasmarinas, ambas protagonistas do documental. Segundo esta última, en cada momento da historia o que se vive “se percibe como normal, pero non é. Non podemos durmirnos nin ceder un centímetro, porque podemos perder o que nos costou anos acadar”. Perciben na mocidade actual certa desidia e agoiran unha posible involución no que se refire aos dereitos das mulleres; a desigualdade de hoxe ten rostro de discriminación salarial, de ausencia de mulleres en órganos de decisión de empresas e administracións... Para a profesora Camiño Noia córrese o risco de deixarse levar “por unha vida cómoda” e apunta Lidia Senra que “hoxe en día escoitamos cousas que hai 30 anos non terían valor de dicir”. Para a ex secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, “machismo e capitalismo atacan cando baixamos a garda, agardan agazapados para facernos retroceder nos nosos dereitos”.

Un documento necesario

Tanto Lidia Senra e Pechas Santasmarinas como Anabel González Penín, directora da Unidade de Igualdade, coincidiron en loar o traballo feito polos dous responsables do documental. Sinalaron que se trata “dun traballo necesario porque todo o feito sobre a Memoria Histórica estaba feito en clave masculina, porque a historia é a historia dos homes”.
Neste sentido, o profesor Ángel, R. Gallardo quixo destacar que non se trata dun documental sobre ao uso sobre Memoria Histórica, senón que trata de reconstruír unha “memoria fragmentada e masculinizada”. Para isto levaron a cabo durante un ano un exhaustivo traballo de documentación e entrevistas presidido “pola autenticidade, a sinceridade e incluso a inxenuidade de aquelas que viviron unha vida marcada polo machismo franquista”.

O seu esforzo permitiu pasar das Guías para la buena ama de casa e a Sección Feminina ao traballo asalariado, ao sindicalismo militante e ao feminismo agromante dos 80; da falta de educación a copar as carreiras universitarias... Neste sentido, Manuela López Besteiro, conselleira de Familia e Promoción do Emprego con Manuel Fraga, recalcou que precisamente na Universidade queda moito por facer, “cada vez hai máis catedráticas, pero non reitoras, e iso agocha un problema”. Pero esta desigualdade pode ser trasladada a todos os campos, incluídos aqueles que se gaban de progresistas. Moitas das entrevistadas neste documental fan fincapé no machismo de sindicatos e partidos políticos de esquerdas, onde as mulleres seguen a ser discriminadas polo xénero e a loita feminista é vista como o inimigo. En todos estes ámbitos e noutros moitos debe seguir traballando a sociedade para acadar unha igualdade efectiva, un tarefa que non lle debera levar cinco séculos máis.

O documental proxectarase en vindeiras datas nos campus de Pontevedra e Ourense.