DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha iniciativa organizada pola Asociación universitaria Syme

Cine e conferencias para avanzar na solución de problemas ambientais

Entre os relatores estarán dous expertos que traballan para organismos das Nacións Unidas

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 17/10/2011
Para avanzar na aposta polo desenvolvemento sostible son moitas as posibles liñas de acción nas que traballar. Entre elas está a sensibilización a través do cine e as conferencias de expertos neste eido. Esta é precisamente a fórmula elixida pola asociación universitaria e ambiental Syme, que do 2 ao 10 de novembro celebrará no campus de Ourense un Ciclo de Cine e Conferencias Ambiental e Social. Xuntando a proxección de coñecidas películas co debate da man de destacados expertos, entre eles dous técnicos que traballan para organismos das Nacións Unidas, os promotores da idea agardan contribuír á busca de alternativas aos problemas ambientais.

A iniciativa foi presentada este luns no campus de Ourense por María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense; Isabel Pérez, tenente alcalde de Ourense; Rogelio Martínez, delegado territorial da Xunta en Ourense; José Antonio Pérez, presidente da Asociación Syme, e Ricardo Vecillas, xefe territorial de Medio Rural en Ourense. Durante a súa presentación, María Lameiras destacou “a importancia de sensibilizar non só á comunidade universitaria senón a toda a cidadanía nunha temática tan importante como o desenvolvemento sostible”. Por este motivo, felicitou aos organizadores e ás entidades colaboradoras por conseguir sacar adiante esta iniciativa.

Sensibilización

Segundo explicou o presidente de Syme, as conferencias desenvolveranse durante 7 sesións, do 2 ao 10 de novembro, na sala multiusos do Edificio de Ferro. Cada unha desas sesións constará da proxección dunha película e posteriormente celebrarase un debate sobre unha temática concreta na que participarán destacados expertos neste eido. “É unha oportunidade de gozar do bo cine e de concienciar da importancia da defensa do medio ambiente e de poñelo en valor”, apuntou Isabel Pérez durante a súa intervención.

Un traballo de sensibilización cuxa importancia tamén salientou Rogelio Martínez, que destacou a importancia de reunir a expertos neste eido “para coñecer os problemas ambientais que existen e ver as posibles actuacións para atallalos”. Entre estes problemas, o delegado territorial da Xunta incluíu o dos incendios que se están a producir na provincia ourensá, advertindo que é necesario “concienciación e vixilancia máis que extinción” para acabar con situacións coma as vividas recentemente en Ourense de 84 incendios declarados en 24 horas.

De Erin Brockovich aos Simpsons

As películas proxectadas serán Erin Brockovich, Na busca da felicidade, Baraka, A última hora, Unha verdade incómoda, Territorio de abellas, paisaxe de homes e The Simpsons movie. As conferencias reunirán a destacados expertos de entidades gobernamentais estatais e foráneas que estudan a problemática do desenvolvemento sostible e o medio ambiente. Entre os relatores, José Antonio Pérez salientou a participación de dous técnicos que traballan para organismos de Nacións Unidas. Son Daniel Rodrigo Vargas, que traballa na Organización das Nacións Unidas para o Desenvolvemento Industrial e que falará sobre enerxías renovables e cambio climático, e Belén Vallina, que traballa como consultora para o Organismo Internacional da Enerxía Atómica e que abordará a cuestión da importancia da auga e da incidencia das técnicas nucleares nela.