DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 15 ao 26 de outubro o campus acollerá un ciclo de temática ambiental

Cine e fotografía para botar unha ollada renovada á ecoloxía

A agricultura sustentable será un dos protagonistas desta cita

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 01/10/2012

A imaxe é unha poderosa ferramenta cando se trata de concienciar aos cidadáns respecto a un tema concreto. Nos últimos cinco anos a Asociación Ambiental e Universitaria Syme, consciente desta influencia, vén organizando un Ciclo de Cine Ambiental. Esta cita repetirase este ano do 15 ao 26 de outubro dando protagonismo tamén á fotografía e tendo como temas centrais de traballo a agricultura ecolóxica e a xestión de residuos.

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, e José Antonio Pérez, presidente da Asociación Ambiental e Universitaria Syme, foron os encargados de presentar este luns o ciclo no Edificio de Ferro, lugar onde se celebrarán as nove sesións desta iniciativa que conta co patrocinio tamén das concellarías de Limpeza e Cultura ourensás. “No campus de Ourense estamos apostando pola vida saudable a través do proxecto transversal Campus ConVida e dentro das súas mensaxes inclúese concienciar á comunidade universitaria de que temos que deixar o espazo que habitamos nas mellores condicións posibles para as vindeiras xeracións”, destacou María Lameiras sobre a importancia de realizar ciclos coma o organizado por Syme. Segundo explica José Antonio Pérez, nesta edición do Ciclo de Cine Ambiental decidiron integrar nel o curso fotográfico que celebraba a súa asociación e ofrecer aos participantes “dez horas de sesións sobre agricultura ecolóxica; dez horas de fotografía e arredor de 16 ou 18 horas de cine ambiental”.

Programa moi amplo

Entre as producións que se proxectarán están Dirt! En transición; O mundo segundo Monsanto?; A agricultura ecolóxica; Os nosos fillos acusarannos; Home; Comprar, tirar, comprar; Enlighten up; O efecto Iguazú; A historia das cousas; The story of change e Economía do ben común. Cada sesión contará tamén cun foro moderado por unha persoas vinculada coa temática obxecto de debate. Alén destas actividades, haberá tempo para escoitar diferentes conferencias nas que se falará de temas como as sementes ecolóxicas e a calidade dos alimentos; a normativa que afecta á agricultura ecolóxica e o seu rendemento e expectativas de crecemento futuro. Tamén haberá relatorios sobre a xestión de residuos domésticos e industriais e como funciona unha reserva da biosfera como a de Allariz.

Por último, nas sesións de fotografía os participantes aprenderán os conceptos básico para o uso dunha cámara fotográfica, especialmente tendo en conta o seu emprego na natureza. As cuestións técnicas de manexo da cámara, as regras básicas de composición ou como empregar a fotografía para a concienciación ambiental serán algúns dos principais puntos que traballarán os asistentes.

O prazo para inscribirse a este Ciclo de Cine Ambiental xa está aberto tanto para os membros da comunidade universitaria interesados como para as persoas alleas a ela.