DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A profesora Beli Martínez afonda nas características do Novo Cinema Galego na súa tese de doutoramen

O cine sen ataduras que situou a Galicia na vangarda

Ligado principalmente ao xénero documental, contribuíu á internacionalización das producións autonóm

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI 07/07/2016

Apoiados na liberdade que proporcionan as novas tecnoloxías á hora de experimentar e de levar a cabo proxectos con equipos reducidos, unha serie de directores e directoras galegos deron forma ao longo da pasada década a un xeito de facer cine definido pola “ruptura cos anteriores modelos e tendencias na creación cinematográfica galega”, que supuña “unha reformulación das formas fílmicas hexemónicas”. Desde esta perspectiva, xurdiron un conxunto de filmes de creación autoral, vinculados en gran medida ao cine de non ficción e realizados por cineastas que “apenas tiveran un contacto previo coa industria”, que a crítica agrupou baixo a etiqueta de Novo Cinema Galego, o movemento no que a profesora Beli Martínez centrou a súa tese de doutoramento. Nesta investigación afondou nas características dun grupo de directores e directoras que, a pesar da variedade das súas propostas, compartían “o desexo de facer un cine sen ataduras” e contribuíron á creación dunha identidade común e dun “novo discurso de achegamento á nosa realidade máis inmediata” que, salienta, axudou á internacionalización do cinema galego, converténdose “nun dos movementos de vangarda do cinema contemporáneo internacional”.

Estudar as “posibles características comúns ás prácticas cinematográficas englobadas na etiqueta Novo Cinema Galego” e as súas obras máis representativas constitúe o eixo central de O cine de non ficción no novo cinema galego (2006-2012). Conceptualización, contextos e singularidades, que esta profesora de Ciencias Sociais e da Comunicación realizou baixo a dirección do docente da USC Xaime Fandiño e da tamén profesora desta facultade Mónica Valderrama. Para iso, Martínez afondou previamente nas “prácticas de corte máis vangardista e experimental” que se están a dar actualmente no cinema de non ficción, así como as transformacións que as novas tecnoloxías están a provocar no panorama internacional, tanto no relativo aos modelos de produción, como na distribución e exhibición. Neste senso, Martínez incide en como os adiantos tecnolóxicos permiten hoxe facer cine con equipos moi reducidos, ao tempo que internet se converte nunha plataforma de difusión, contribuíndo “á ruptura das fronteiras e a unha maior internacionalización das producións”.

Cineastas á marxe da industria

Relata Martínez que foron tres críticos, Xurxo González, Martin Pawley e José Manuel Sande, os que, no ano 2010, acuñaron a etiqueta Novo Cinema Galego, baixo a que se agruparían unha serie de traballos que supuñan unha ruptura cos modelos establecidos e que na meirande parte dos casos constitúen a primeira obra dunha serie de realizadores e realizadoras. Un grupo de cineastas que avoga, grazas á liberdade que implican o dixital, por “prácticas de corte máis vangardista e experimental, que cuestionan as fronteiras entre realidade e ficción” e que “comparte un xeito de entender o cinema no que a idea e o traballo do director sitúase por riba da empresa produtora”.

Oliver Laxe, Marcos Nine, Xurxo Chirro, Pela del Álamo, Lois Patiño ou Susana Rey son algúns dos representantes do movemento no que Martínez afonda centrándose no cinema de non ficción, xa que aínda que “esta ruptura na forma de entender o cine non se debe limitar a un xénero”, en Galicia “a maioría das propostas xorden en torno ao documental”, entendendo este como un xénero que abrangue desde o cine-ensaio ata a videocreación. De feito, “o territorio documental” tense convertido nos últimos anos nun espazo “onde hai unha liberdade creativa moi grande” e no que se está a producir “un grande avance tanto na linguaxe como na propia visibilización dos traballos”, explica esta investigadora e produtora, que, enmarca a súa investigación entre dous acontecementos “que marcaron o devir do cinema galego”. Por unha banda, a estrea en 2006 de Bs. As, de Alberte Pagán, que amosaba “que se podía facer cinema cos medios que pode ter calquera na casa”, e por outra o ano no que se estrea o último dos filmes producidos pola Axencia Audiovisual Galega”, Arraianos, de Eloy Enciso.

Do local ao global

Os “novos territorios polos que transita o documental nos nosos días” víronse plasmados nun movemento que, “ao igual que os cinemas doutras xeografías, viu a marcar a necesidade de falar do propio, de amosar a nosa visión particular do mundo”, sostén esta investigadora, que apunta a como os avances tecnolóxicos trouxeron consigo un “boom de creación autoral vencellada ao cinema de non ficción” que implicou unha diversificación “no número e na variedade das propostas”, e, polo tanto, en novas prácticas que “contribúen á renovación” do cinema documental. Este movemento supuxo de feito “a apertura de novos camiños polos que transitar e a ruptura coa visión de que o cinema galego non podía apenas internacionalizarse”, salienta Martínez, que incide na presenza e no recoñecemento destes filmes nos “festivais máis importantes do mundo”.

“O cinema galego definiuse historicamente por optar por un modelo de copia duns canóns de creación e dunha industria que nada ten que ver coa nosa, salvo notables excepcións”, afirma Martínez, que contrapón esta situación a un movemento que propón “un achegamento á nosa realidade máis inmediata”, xa que “se por algo se caracterizan as producións destes autores é por falar dende o local cunha finalidade global”. De aí que unha das constantes deste cinema, xunto coa atención prestada ao propio proceso cinematográfico, sexa o interese pola paisaxe, principalmente rural, como unha “volta ás orixes”, sinala.

Unha xeración que precisa dunha nova política audiovisual

Nunha tese que busca realizar unha “cartografía dos diferentes axentes que interveñen no xurdimento e consolidación do Novo Cinema Galego”, Martínez recolle unha serie de entrevistas a directores e directoras, así como unha listaxe de cineastas e de traballos, que posteriormente se viu continuada na web sobre este movemento que tivo nesta profesora unha das súas impulsoras. Mais ao mesmo tempo, Martínez tamén pon de relevo na súa tese as trabas existentes na actualidade para que estes realizadores continúen facendo cine e a necesidade de que as administracións teñan en conta o valor destes filmes “non só pola súa transcendencia económica, senón pola súa importancia cultural e simbólica”, tendo en conta ademais que “poucas empresas apoian este tipo de cinema”, o que motivou que moitos dos filmes encadrados baixo á etiqueta do Novo Cinema Galego visen á luz “en réxime de autoprodución”.