DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizada por atlanTTic, o CITIC da Coruña e a Cátedra R, ao abeiro da xornada TalentoCibeR

A CITIC Cyber Competition pon a proba as habilidades en ciberseguridade de 150 estudantes de toda España

Tiveron que resolver en catro horas máis de 20 retos de seguridade informática

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • TIC
  • Estudantes
DUVI 15/03/2024

atlanTTic, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo acolleu este xoves o evento TalentoCibeR e a competición de ciberseguridade CITIC Cyber Competition (C3TF), na que participaron 157 estudantes de toda España repartidos en 40 equipos que competiron entre si desde as instalacións de atlanTTic na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, o  Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, CITIC, da Universidade da Coruña, e tamén en liña. 

A competición desenvolveuse en formato Capture The Flag, CTF, de modo que as persoas participantes, alumnas e alumnos de Formación Profesional, Bachalerato e Universidade, tiveron que resolver diferentes retos en ciberseguridade e, no menor tempo posible, “capturar a bandeira”. 

Tiveron que pór a proba as súas habilidades ante máis de 20 retos. Durante catro horas, os equipos enfrontáronse a desafíos relacionados con diversas temáticas da seguridade informática, como criptografía, esteganografía, análise forense, enxeñaría inversa, hacking de aplicacións web ou explotación de vulnerabilidades, entre outros.

2100 euros a repartir entre os tres equipos gañadores

Os tres equipos gañadores foron premiados con 1.000 euros, 700€ e 400€ cada un. O primeiro premio foi para o equipo The High Sleuths, formado por Adrià Pérez Garrofé, Jesús Mosteiro García, Jonathan Pichel Carrera, Jorge García Pombo e Toni Molina Pérez. O segundo premio logrouno o equipo XORprecha, formado por Carlos Flethes Montesinos, Esteban Segura Ripoll, Ismael Melchor Juan, José Antonio Díaz Moreno e Pedro José Navas Pérez. O terceiro premio recaeu en TodoElMundoSaltandoPorMartaEnSuCumple!!!, integrado por Diego Fernández Díaz, Inés Martín Mínguez e Jesús Parra García.

Actividades que visualizan o potencial de Galicia en ciberseguridade

A 3ª CITIC Cyber Competition, C3TF, celebrouse dentro da primeira edición do evento TalentoCibeR, nacido co obxectivo de dar visibilidade ao talento en ciberseguridade de Galicia e, ao mesmo tempo, fomentar novas vocacións a través do achegamento entre empresas e estudantes. Para isto, organizáronse dous talleres prácticos, que tiveron lugar simultaneamente en Vigo e na Coruña, e unha mesa coloquio.

O taller dirixdo por Manuel García González, senior security architect de Microsoft, enfocouse na xestión de licencias na suite de Microsoft 365 E5. Por outra parte, os asistentes ao taller O inicio do procedemento forense informático aprenderon como obter evidencias forenses en dispositivos como ordenadores ou móbiles, utilizando hardware e software. Fixérono da man de Rafael López García, profesor dol CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro. 

Tras os talleres, tivo lugar o coloquio Empregabilidade e saídas profesionais de ciberseguridade, no que participaron Manuel García, de Microsoft Spain; Alfredo Ramos, director de R e grupo Masmovil en Galicia; Iago Fortes, CEO de Inprosec, e Antonio Fernandes, cibersecurity manager de Finsa.