DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Manuel Reigosa aposta por revitalizar este órgano e incentivar a participación

O Claustro celebra a súa sesión constituínte e elixe os membros do Consello de Goberno

Votouse a composición da Comisión Electoral e de Reclamacións e dos Consellos de campus

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 29/06/2018

A nova lexislatura do Goberno universitario encabezado polo reitor Manuel Reigosa botou a andar oficialmente este venres coa celebración da sesión constituínte do Claustro. A xuntanza do máximo órgano de representación e control da comunidade universitaria centrouse principalmente na elección dos membros de varios órganos como a Mesa do Claustro, os representantes do Claustro no Consello de Goberno, a Comisión Electoral, a Comisión de Reclamacións e os consellos de campus de Ourense e Pontevedra.

Neste primeiro Claustro como reitor, Reigosa reafirmou a súa intención de revitalizar este órgano, “queremos incentivar a participación, traer a este foro temas importantes para o futuro da Universidade, escoitar moitas voces e, daquela, contamos con que o Claustro se reúna máis a miúdo que na etapa anterior”. De feito, o reitor adiantou que no mes de xullo, e tras a primeira sesión do Consello de Goberno, o Claustro reunirase de novo para abordar temas de política universitaria, contidos que segundo explicou “normalmente non se tratan no Claustro, pero preferimos escoitar voces, debatelos e traballalos”. Adiantou que na próxima sesión debateranse temas como os criterios de promoción do profesorado, as comisións precisas para reformular a RPT do PAS, as modificacións regulamentarias dos TFG e TFM e “probablemente a promoción do profesorado asociado”. Son temas, segundo o reitor, “importantes e que formaban parte do noso programa electoral e cremos que no Claustro poden enriquecerse e debaterse en profundidade para despois ser levados ás comisións de traballo e logo ao Consello de Goberno”.  Por outra banda, este venres recibiuse tamén a resposta da Xunta de Galicia ao novo proxecto de Estatutos da Universidade de Vigo, aprobado en Claustro en xaneiro. “Teremos que facer tan só pequenas modificacións e trataremos de incluílo tamén na orde do día da próxima reunión”, dixo Reigosa.

Elección dos representantes do Claustro no Consello de Goberno

A sesión deste venres comezou coa constitución da mesa de idade, que foi a encargada de dirixir a elección da Mesa do Claustro, que tras as votacións, quedou constituída por Paloma Morán e Ángeles Peña, en representación do sector PDI A; Óscar Ferreiro e Pedro González, do PDI B, Yasmina González e Óscar Moldes do estudantado e Aser Ángel Fernández Rey e Guillermo de Oca do PAS.

Tras o nomeamento da mesa do Claustro procedeuse á eleccións dos representantes deste órgano no Consello de Goberno, que está formado polo reitor, que o preside, o secretario xeral, a xerente, 15 membros designados polo reitor (entre eles as vicerreitoras ou vicerreitores) e os membros elixidos polo Claustro este venres: 20 membros, entre os que se atopan dez representantes do PDI, oito doutoras e doutores ou con vinculación permanente á Universidade, oito estudantes e dous membros do PAS; así como outros 15 elixidos entre as persoas que desempeñen a dirección dos centros, departamentos ou institutos de investigación; e finalmente tres membros do Consello Social e dous representantes sindicais (con voz pero sen voto). 

Comisión electoral, de reclamacións e consellos de campus

Outro dos puntos da orde do día foi a elección dos 12 membros da Comisión Electoral, aos que se suma o reitor e da Comisión de Reclamacións, composta polo reitor xunto con seis catedráticos ou catedráticas da Universidade de Vigo de diversas áreas de coñecemento que acrediten ampla experiencia docente e investigadora. Esta comisión ten como finalidade valorar as reclamacións presentadas contra as propostas efectuadas polas comisións dos concursos de acceso.

Finalmente, tamén se procedeu á elección dos membros dos Consellos de campus de Ourense e Pontevedra, que quedan conformados polo reitor, o vicerreitor ou vicerreitora correspondente, os decanos ou decanas ou directores ou directoras dos centros do campus xunto con cinco representantes do profesorado e cinco estudantes, elixidos por e entre claustrais do mesmo sector e campus, e os dous membros do PAS que obtivesen máis votos nos respectivos campus nas eleccións ao Claustro.

Composición do Consello de Goberno, a Comisión Electoral, a Comisión de Reclamacións e os Consellos de Campus