DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A iniciativa do alumnado preséntase hoxe coa celebración o I Torneo Minerxético UVigo

O Club Deportivo Minas e Enerxía bota a andar coa vista posta na futura celebración dunha olimpíada entre escolas

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 26/04/2018

Da pretensión de seis alumnos da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, en colaboración coa delegación de estudantes do centro, de fomentar o deporte entre o alumnado nace o Club Deportivo Minas, que hoxe se presenta coa celebración, no pavillón de deportes da universidade, do I Torneo Minerxético UVigo. “O noso obxectivo, desde un principio, é fomentar participación de estudantes no deporte, así como xerar compañeirismo, integración social ou espírito de equipo”, explican Carlos Landín, Andrés Iglesias e Carlos Gómez, tres dos seis integrantes do club, o primeiro destas características, que sinalan, existe neste intre na Universidade de Vigo.

Pero máis aló do fomento da práctica deportiva entre o estudantado da escola, o club xorde tamén coa finalidade de organizar a Olimpíada de Minas, unha competición na que participan escolas universitarias de enxeñaría de minas. “Como loxisticamente resulta complicado organizar un evento destas dimensións, a escola utilizou a delegación de minas para crear unha sociedade deportiva encargada de organizar eventos relacionados co deporte”, sinalan os promotores desta iniciativa, que non agochan as dificultades que nun primeiro momento se atoparon para poñer o club en marcha, “aínda que agora xa estamos preparados para o noso cometido”, aseguran.

Un torneo como tarxeta de presentación

Como primeira iniciativa, os impulsores do Club Deportivo Minas organizaron un torneo que se celebra esta tarde e mañá no pavillón de deportes da universidade e no que poden participar todas as persoas que previamente se inscribiron por correo electrónico ou no despacho da delegación de estudantes da Escola de Minas e Enerxía. Voleibol, fútbol sala, baloncesto e ping-pong son as catro modalidades deportivas deste I Torneo Minerxético UVigo, no que tamén colabora a Área de Benestar, Saúde e Deporte. “As modalidades que cubrimos no club abarcan, a priori, calquera actividade deportiva na nosa escola, mais no torneo só incluímos catro disciplinas”, explican os impulsores do club.